Este proxecto multimedia busca reivindicar e divulgar a figura de Don Elías Valiña como un dos principais estudiosos e precursores do asociacionismo xacobeo como un dos actores fundamentais no rexurdimento contemporáneo do fenómeno das peregrinacións a Santiago e tamén como o inventor das características frechas amarelas que sinalizan os camiños.

Valiña publica unha «Guía do peregrino» que é un pequeno boletín pensado para que os camiñantes leven consigo ao facer as rutas con toda a información que estes precisan. En 1983 Elías Valiña é nomeado «Valedor do Camiño» e encoméndaselle a organización dun Congreso internacional do Camiño de Santiago que se celebrará en Jaca en 1987. Dous anos despois, con 60 anos e adoecido por un cancro, Elías Valiña morre tras trinta anos como cura do Cebreiro e unha vida adicada ao Camiño de Santiago, mais tamén ao Cebreiro, onde restaurou a igrexa, recuperou a hospedería e mellorou a calidade de vida dos habitantesao entregar as pallozas, vivendas prerromanas aínda habitadas en 1962, á Dirección Xeral de Belas Artes a cambio dunha serie de casas modernas e ben equipadas. A labor de Elías no Cebreiro debeuse a un gran esforzo e traballo constante realizado tanto por el coma pola súa familia, especialmente as súas irmáns Pilar e Amelia e os seus sobriños. Deste xeito, O Cebreiro converteuse nun dos puntos de referencia das rutas xacobeas e as frechas amarelas de Elías Valiña nun símbolo universal.

Elías Valiña Sampedro naceu no ano 1929 en Sarria na parroquia de Lier. Con 12 anos entra a estudar no Seminario de Lugo onde remata os estudos en 1953. Para completar a formación estuda na Facultade de Dereito Canónico na Universidade Pontificia de Comillas acabando os estudos en 1959, o mesmo ano no que é destinado ao concello de Pedrafita facendose cargo da igrexa do Cebreiro. Alí comeza unha labor de dinamización da comarca buscando mellorar a calidade de vida dos seus habitantes ao mesmo tempo que axuda aos poucos peregrinos que nese momento pasan polo Cebreiro cara Santiago. Segundo vai pasando o tempo, Elías Valiña convértese no principal investigador e divulgador do Camiño de Santiago, recuperando tramos perdidos polo paso do tempo e realizando as primeiras cartografías das rutas para axudar aos peregrinos e marcando dende Roncesvalles o camiño establecido con frechas de cor amarelo.

Este documental de ACUDE Rural, realizado co apoio de Arraianos Producións ao abeiro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, busca recuperar a historia vital de Elías Valiña Sampedro, o cura do Cebreiro, principal responsable do rexurdimento dos Camiños de Santiago no Século XX e inventor das características frechas amarelas que o sinalizan e que xa se converteron nun símbolo universal. Este documental, o primeiro que recolle a vida e obra do crego do Cebreiro, conta coa intervención de expertos, amigos e familiares de Elías Valiña que conxuntamente constrúen este relato audiovisual dende cadansúa perspectiva.

Esta exposición é unha homenaxe a Elías Valiña Sampedro (1929-1989), que ademais de ser o inventor das frechas amarelas, é o principal impulsor do rexurdimento contemporáneo das peregrinacións a Compostela. Sen o seu infatigable traballo, ao longo de máis de tres décadas, o Camiño de Santiago non sería o que é actualmente. Nin O Cebreiro tampouco.

Valiña morreu sen chegar a ver os froitos do seu compromiso coa recuperación, promoción e divulgación do Camiño. Pero todos os lugares polos que pasa algunha das rutas xacobeas e todas as persoas que algunha vez as percorremos estamos en débeda con este pioneiro.

Esta mostra lévanos dende Santa María do Cebreiro, a igrexa na que Valiña foi crego durante trinta anos, até Compostela, a meta dos Camiños, nun diálogo entre o pasado, o presente e o futuro, que facemos con motivo do trinta aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. Seguimos os Camiños de Elías Valiña a través dalgunhas das súas imaxes inéditas, que combinamos coa obra fotográfica de Naiara Esparís, Mercedes Vázquez e Francisco Castro nesta merecida homenaxe ao inventor das frechas amarelas.