Dentro do ámbito teatral, Vizoso colaborou non só facendo medallas, premios, figuras, carteis... senón tamén elaborando escenografías, creando máscaras ou caretas, deseño de vestimenta entre outros elementos visuais que axudan á escenificación do teatro. Comezando polas súas primeiras colaboracións no 1974 coa Sociedade Cultural Ledicia de Burela e máis adiante co grupo Buril de Burela ata chegar a colaborar a través de Sargadelos co dramaturgo catalán Ricard Salvat. No 1994, Ricard Salvat estreou no Teatro Nacional de Budapest a peza Az ember tragédiája (La tragedia del hombre) do dramaturgo Imre Madách. A súa escenografía debería ser de Isaac Díaz Pardo, pero como el mesmo recoñece: “En 1993 empecé, pero lo cierto es que todo el peso y el desarrollo del decorado lo llevó mi compañero José Vizoso, maestro de diseñadores en Sargadelos”. Así foi que Vizoso se desprazou varias veces a Budapest para representar desde a creación do mundo ata a bomba atómica, realizando dez figuras de cinco metros, símbolos de grandes momentos ou etapas históricas, cada unha delas montadas no seu carro con estrutura de madeira. Así ían aparecendo e relacionando a esfinxe con Exipto, Roma cun gladiador, a guillotina coa Revolución Francesa, etc… Á parte doutros elementos.
Máis adiante colaboraría varias veces coa compañía teatral Os Quinquilláns, a primeira vez
coa obra Os Irmandiños, e con moitas outras persoas e compañías do mundo do teatro.