608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto


O IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convocan os VI Premios de Podcasts en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez, “O Vello dos Contos”.

Nesta iniciativa colaboran tamén outras entidades que velan pola defensa e a promoción da lingua e da cultura galegas como Ponte nas Ondas, Oral de Galicia, ACUDE Rural, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro, a EASD Mestre Mateo, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.

Os obxectivos destes premios son:

1) Promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos.
2) Fomentar unha imaxe positiva e actual da lingua mediante a súa vinculación coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.
3) Favorecer o uso da lingua entre a mocidade en ámbitos asociados á oralidade.
4) Incentivar a produción e difusión de material audiovisual en galego e portugués.
5) Fortalecer os vínculos coa lusofonía e mostrarlle á mocidade a importancia destes.

BASES

1. Poderá concorrer o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación primaria (de 5° e 6° cursos) e de secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 1O a 18 anos de centros educativos públicos do Norte de Portugal.

2. Nesta edición, aceptaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e a obra de Luísa Villalta, a escritora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2024 , e outros aspectos relacionados co patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal. Cada centro educativo poderá presentar un máximo de 10 traballos, cunha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco.

3. Admitiranse obras orixinais e inéditas, individuais ou colectivas, en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega) ou portuguesa (segundo o novo acordo ortográfico).

4. A música e os efectos sonoros que se empreguen deberán ser orixinais, estar libres de dereitos ou ter licenza de uso para este fin educativo. As obras creadas no certame difundiranse baixo a licenza «Creative Commons», que combine as propiedades «recoñecemento»,«non comercial» e «compartir igual».

5. O centro deberá contar coa autorización da nai, o pai ou representante legal do alumnado menor de idade para usar a súa imaxe nas accións de difusión do certame en webs, medios de comunicación, redes sociais, etc., sempre con fins didácticos e sen ánimo de lucro.

6. A solicitude de participación formalizaraa o director ou directora do centro educativo antes do 21 de decembro de 2023 mediante un correo electrónico ao enderezo:
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
No asunto indicarase o nome do centro e VI Premios Xosé Mosquera Pérez.

7. Os traballos, unha vez rematados, deben ser enviados por correo electrónico ao enderezo:
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. 
No asunto indicarase o nome do traballo, o nome do centro e VI Premios Xosé Mosquera Pérez

Realizarase un envío diferente para cada traballo, que debe incluír obrigatoriamente o formulario adxunto dispoñible en:
http://www.arraianos.com/OVDC/Formulario_OVDC.pdf
Nel figurará o título do traballo así como unha relación do alumnado participante, que especificará nome(s), apelidos e curso(s); datos do profesorado responsable e colaborador con nome(s), apelidos e correo electrónico de contacto e os datos do centro educativo (nome, código, enderezo, teléfono e correo electrónico de contacto).

8. O prazo de presentación dos traballos finalizará o 1 de maio de 2024.

9. Establécense os seguintes premios:

9.a. Premio ao mellor traballo do alumnado de 5° e 6° cursos de primaria de Galicia e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma: 500 euros, lotes de libros para a biblioteca, unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro e un diploma acreditativo.

9.b. Premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria de Galicia, doutros centros de ensino non universitario e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, cursadas fóra da Comunidade Autónoma: 500 euros, lotes de libros para a biblioteca e unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro e un diploma acreditativo.

Os traballos finalistas tamén recibirán unha escultura orixinal inspirada na figura do Vello dos Contos, realizada por alumnado da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, así como cadanseu lote de libros e un diploma acreditativo. Os traballos gañadores serán emitidos e divulgados en Radio Galicia e poderán quedar accesibles a través da web da organización e das entidades colaboradoras e do portal
www.ovellodoscontos.gal

Se as condicións o permiten, as obras gañadoras serán emitidas no acto público de entrega de premios desta  IV edición dos Premios lnternacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez, que se realizará no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, antes do remate do curso escolar 2023-2024.

A participación neste certame implica a aceptación total das súas bases. O xurado reserva para si o dereito a interpretalas, cando sexa necesario para o seu bo desenvolvemento. A presentación a este certame implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen.

MENÚ