608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

Gala da 5ª edición dos premios de podcast O Vello dos contos


Videoclip do traballo gañador da 4ª edición dos premios de podcast na categoría de secundaria, gravado o día da gala de entrega de premios


Presentación da 5ª edición dos premios de podcast


Gala da 4ª edición dos premios de podcast O Vello dos contos


Gala da 3ª edición dos premios de podcast O Vello dos contos

Obradoiros de Podcast para centros educativos

Como parte dos Premios Xosé Mosquera Pérez. O Vello dos contos, comezamos na 4º Edición unha serie de obradoiros para primaria e secundaria. O obxectivo deste programa é aprender aos participantes na creación de podcast, ensinarlles referentes e formatos de podcast e guiarlles na creación do seu programa. Para isto deberán familiarizarse co manexo de software e hardware de grabación (micrófonos, tarxetas de só, edición de audio, plataformas de publicación en liña, etc.). Tamén traballarán técnicas de investigación antropolóxica para obter ideas para os seus contidos. E por último, coñecerán os distintos formatos que pode ter o programa: monólogo, entrevista, panel de invitados, debate…

Para a 5º Edición dos premios de podcast elaboramos un un vídeo tutorial cun obradoiro online de introducción ao podcast, de 15 minutos de duración, co obxectivo de facer máis accesible a realización de podcast en centros educativos de toda Galicia.

Ficha para comezar a desenvolver un Podcast de forma sinxela e accesible: Ficha inicial de Podcast

Milleiros de persoas acceden todos os días a contidos de audio a través dos seus dispositivos en todo o mundo. O formato de podcast é especialmente útil pola súa accesibilidade técnica para crealo e consumilo e porque permite que calquera persoa poida comunicar contidos, contar historias, recoller conversas, lembranzas ou costumes do seu entorno e a súa terra.


Novas sobre os premios

PRESENTACIÓN DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS INTERNACIONAIS DE PODCAST XOSÉ MOSQUERA PÉREZ, O VELLO DOS CONTOS

Este Martes, 14 de novembro, ás 11 horas tivo lugar o acto inaugural da sexta edición dos Premios de Podcast O vello dos contos no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. O acto contou coa presenza de Loliña Mosquera, filla de Xosé Mosquera e madriña dos premios; Xavier Mouriño, director do IES Rosalía de Castro e Aser Álvarez, de Arraianos Producións, organizadores dos premios e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística.

Nesta iniciativa colaboran tamén outras entidades que velan pola defensa e a promoción da lingua e da cultura galegas como Ponte nas Ondas, Oral de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro, a EASD Mestre Mateo, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.

Estes premios están pensados para promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos de primaria e secundaria de Galicia e Norte de Portugal a través dunha ferramenta tan versátil como o podcast, favorecendo o uso da lingua entre a mocidade en ámbitos asociados á oralidade. Dende a súa creación este certame recolleu xa 400 traballos de centros educativos de toda Galicia e Norte de Portugal.

Esta sexta edición coincide co 90 aniversario dos inicios da radio en Galicia, da que Xosé Mosquera foi un dos principais promotores e impulsores. Ademais, e como é habitual neste certame, queremos dar un especial protagonismo á homenaxeada no día das Letras Galegas 2024, Luísa Villalta.

As bases desta edición están dispoñibles na web da organización a través do seguinte enlace www.arraianos.com/s/46u

As novas máis destacables desta edición son

  • A publicación dun vídeo titorial na web www.ovellodoscontos.gal sobre elaboración de podcast dispoñible para docentes e alumando.

  • A publicación dos traballos das cinco anteriores edicións na plataforma de Spotify https://open.spotify.com/show/1fomUMj0YGdwNiNJrmovHb?si=8d6e4219c3c94201 .

  • A itinerancia da exposición sobre Xosé Mosquera que está actualmente no IES de Melide e continuará o seu percorrido por centros educativos de Galicia e Norte de Portugal ao longo do curso 2023-2024 e que conta coa colaboración do Parlamento de Galicia.

  • A creación dunha conta de Instagram (instagram.com/ovellodoscontos) onde poder seguir as novas do certame e facilitar a participación e a interacción co público. Este espazo está pensado para que todos os centros educativos podan seguir comodamente a actualidade do certame polo que recoméndase seguir esta páxina de instagram.

A organización do certame
Aser Álvarez González

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/85014/xunta-conmemora-90-aniversario-radio-galicia-con-convocatoria-los-premios-podcast


Cadena SER | Comeza no 1:16:13

Cadena SER | Comeza no 4:02

O IES de Foz gaña o 2º premio do V Certame de Podcasts en galego e portugués ‘Xosé Mosquera Pérez, o Vello dos Contos’ | (cronica3.com)

El Colexio de Atín-Cela de Mos y el Instituto de Cotobade de Cerdedo-Cotobade, ganadores del V certamen escolar de Podcast "O Vello dos contos" - Xunta de Galicia

El instituto de Cotobade, entre los ganadores del certamen “O vello dos contos” - Faro de Vigo

El Colegio Atín-Cela, uno de los ganadores de “O vello dos contos” - Faro de Vigo

Gran participación no V certame de Podcast ‘O Vello dos contos’ (elcorreogallego.es)

CRTVG - I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera

Diario de Pontevedra - O Premio Especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas recae no IES Manuel García Barros da Estrada

El Correo Gallego - Placa en O Franco en recuerdo de Xosé Mosquera Pérez, 'O vello dos contos'

El Correo Gallego - Un centro de Santiago gaña o concurso ‘O Vello dos Contos’

El Correo Gallego - ‘O vello dos contos’ volve á carga nas ondas radiofónicas

El Progreso - El premio de podcast en gallego 'Xosé Mosquera Pérez' recae en el IES de Foz

El Progreso - Alumnos del IES de Foz ganan el primer certamen de podcast en gallego

EuropaPress  - La figura de Xosé Mosquera, 'o vello dos contos', da nombre a un certamen escolar de Podcast

Faro de Vigo - La primera estrella mediática gallega

Faro de Vigo - "O vello dos contos" chega ao Miñor cun concurso de podcast e unha exposición

Galiciapress - Nace el primer certamen escolar de relato radiofónico para escolares de habla gallega

La Opinión Coruña - Xosé Mosquera Pérez, la primera estrella mediática gallega

La Región - El concurso de Arraianos cruza la Raia

La Voz de Galicia - O Vello dos Contos volve contar

La Voz de Galicia - De Mosquera a hoy

La voz de Galicia - Tributo ao vello dos contos

La Voz de Galicia - El colegio Raíña Fabiola gana el certamen Mosquera Pérez

Pontenasondas  - II Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez O vello dos contos

Xornal da Mariña - O IES de Foz volve gañar o certame galego de podcast na categoría de secundaria

Xosé Mosquera Pérez no Album de Galicia


Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos, primeira estrela mediática galega e impulsor do Padroado Rosalía de Castro

Activo promotor de Unión Radio Galicia, contou co apoio da Cámara de Comercio de Santiago e do concello compostelán para que a radio chegase a Galicia e coloborou cos sectores máis progresistas da cidade e coa Liga Santiaguesa pro Estatuto. Este home humilde e discreto, ademais de ser a alma de diversas iniciativas culturais e políticas sempre vencelladas co galeguismo, foi o socio número dous da emisora compostelá, denominada co distintivo técnico de EAJ‐4, a decana da radio no noso país. Daquela oportunidade de progreso só eran conscientes algunhas persoas visionarias que confiaban no potencial educativo e transformador do novo medio de comunicación.

Xosé Mosquera Pérez, nacido en San Xián do Carballal, Enfesta, en 1895, usou o alcume “O vello dos contos” e converteuse na primeira estrela mediática de Galicia grazas a este popular personaxe que, xunto con Joselín -popularizado polo vigués José Rodríguez de Vicente-, crearía unha escola galega de contadores de contos da que foron representantes, entre outros, Xistral ou Farruco, chegando a facerse moi famoso en toda Galicia e mesmo en América, aínda que ficara despois no esquecemento.

As súas intervencións radiofónicas estiveron en antena entre xaneiro de 1933, cando botou a andar a programación estable da emisora, emitindo nos primeiros meses dende un locutorio improvisado en San Domingos de Bonaval, ata o mes de xullo de 1936, cando os sublevados entraron armados para tomar os estudios da radio, daquela xa na praza da Universidade. Durante este tempo foi o principal altofalante do galeguismo, participando na intensa campaña política a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Ademais das sesións de música galega e das conferencias de divulgación cultural e política, das que informa a prensa da época e a revista Nós, xa en 1933, tamén se programaron espazos de divulgación da cultura popular, emitíuse teatro do aire interpretado por un grupo de teatro radiofónico -do que recuperamos algunhas fotografías para esta entrada biográfica- e seccións de contos e refráns. Todos os xoves había unha sección infantil e xuvenil na emisora, da que “O vello dos contos” foi impulsor e elemento protagonista, seguindo a liña de animación cultural e didáctica que iniciaran as Irmandades da Fala para o adoutrinamento e culturización do pobo galego.

Facer radio na Compostela e na Galicia do seu tempo, cando só algúns galeguistas e progresistas albiscaban que aquela nova tecnoloxía sen fíos estaba chamada a ser o primeiro medio de comunicación de masas, era o xeito de Mosquera e doutros correlixionarios, como Antonio Fraguas, primeiro locutor da emisora, de contribuíren á tarefa colectiva de facer país espallando as mensaxes galeguistas e de concienciación política que caracterizaban a programación da emisora. “O vello dos contos” foi congregando a cada vez máis xente arredor dos receptores de radio e gañando popularidade até converterse na primeira estrela da radio galega.

Despois de cursar os primeiros estudos no Seminario, Mosquera estivo tres anos emigrado en Bos Aires, conseguindo unha boa posición, pero o amor á terra fixo que non tardase en regresar. Xa era un afeccionado ao teatro antes da chegada da radio a Compostela e a Galicia. Mesmo dirixiu o grupo de teatro Cativezas, entre 1923 e 1925, compañía coa que montou varias obras de autores galegos. Tras o seu paso pola Universidade de Santiago, onde estudou Humanidades e Maxisterio, traballou na administración duns almacéns comerciais, na zona vella compostelá, formando parte dunha sociedade con Ángel Estévez, Manuel Beiras e Balbino Viña.


Mosquera e Rosalía de Castro

Ademais de organizar veladas solidarias para persoas sen recursos, o personaxe estrela da radio en Galicia tamén fixo campaña activa a favor do Estatuto de Autonomía. Xosé Mosquera, militante do Partido Galeguista até 1936, abandona esta formación xunto con Manuel Beiras para fundar Dereita Galeguista. Os dous foron os promotores da institucionalización da Misa de Rosalía de Castro, que se celebra cada 25 de xullo, dende 1932, na igrexa de San Domingos de Bonaval, a carón do Panteón de Galegos Ilustres, unha tradición que mesmo conseguiron manter viva durante a guerra civil e o franquismo.

Tras o alzamento militar, Mosquera foi mobilizado e obrigado a facer tarefas de vixilancia dende as torres da Catedral ante un posible ataque aéreo, responsabilidades que lle supoñían unha carga de traballo adicional que trataba de compaxinar co seu emprego no comercio. Xa na posguerra traballou como profesor de francés e xeografía na academia que abriu o seu amigo Antonio Fraguas, despois de ter sido desposuído da súa cátedra de instituto, un traballo que combinaba coa actividade comercial nos almacéns e coas colaboracións no xornal La Noche.

En 1946, Xosé Mosquera soubo que vendían a casa de Rosalía de Castro en Padrón e mobilizouse para adquirila e convertela nun símbolo da galeguidade e da memoria da máis grande poeta de Galicia. Despois de moitas angueiras e mesmo chegando a hipotecar o seu patrimonio persoal -malia os esforzos do seu grande amigo, Jose´Villar Granjel, por disuadilo- convoca en Santiago a un grupo de galeguistas cos que constitúe o Padroado Rosalía de Castro co propósito de mercar o inmoble e de transformar a casa nun museo rosaliano, do que Mosquera foi alma e motor. Para mercar a casa da Matanza contaría coa contribución económica de Villar Granjel quen, durante toda a súa vida, axudaría cos gastos do Padroado.

Definido por Otero Pedrayo coma un dos máis transparentes e fidalgos corazóns da Nosa Terra, Mosquera participa na fundación de Galaxia e mesmo foi elixido membro correspondente da RAG en 1952. Tras varios meses enfermo, falece en Santiago de Compostela o 30 de decembro de 1965. O concello compostelán deulle o seu nome a uns xardíns, nos que en 1995 se irixiu un busto seu realizado por Fernando García Blanco, un dos discípulos do escultor Franciso Asorey. Tamén se instalou unha placa conmemoriativa na súa casa da rúa do Franco e os primeiros premios internacionais de podcast que se crearon en Galicia levan o seu nome, converténdose nunha merecida homenaxe das novas xeracións á primeira estrela mediática do noso país e nun exercicio de memoria para recoñecerlle, a este home bo e xeneroso, o seu amor a Galicia e os camiños de esperanza que nos ten aberto.

Anexamos na galería de fotos desta entrada biográfica unha imaxe moi especial da primeira homenaxe popular que se lle fixo ao personaxe radiofónico creado por Mosquera, pertencente ao seu arquivo familiar. Para dar conta da enorme popularidade que chegou a ter a primeira estrela mediática de Galicia, abonda con botarlle unha ollada a esa foto de Ksado que recolle a multitudinaria xuntanza, celebrada o 18 de xuño de 1933, no hotel Compostela, apenas seis meses despois da creación do persoanaxe de ficción “O Vello dos contos”, inspirado na estética e na ética dos labregos e dos paisanos da súa Enfesta natal e da contorna de Santiago de Compostela, que cada semana acudían á feira que se celebraba na carballeira de Santa Susana


O IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convocan os VI Premios de Podcasts en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez, “O Vello dos Contos”.

Nesta iniciativa colaboran tamén outras entidades que velan pola defensa e a promoción da lingua e da cultura galegas como Ponte nas Ondas, Oral de Galicia, ACUDE Rural, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro, a EASD Mestre Mateo, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.

Os obxectivos destes premios son:

1) Promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos.
2) Fomentar unha imaxe positiva e actual da lingua mediante a súa vinculación coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.
3) Favorecer o uso da lingua entre a mocidade en ámbitos asociados á oralidade.
4) Incentivar a produción e difusión de material audiovisual en galego e portugués.
5) Fortalecer os vínculos coa lusofonía e mostrarlle á mocidade a importancia destes.

BASES

1. Poderá concorrer o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación primaria (de 5° e 6° cursos) e de secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 1O a 18 anos de centros educativos públicos do Norte de Portugal.

2. Nesta edición, aceptaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e a obra de Luísa Villalta, a escritora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2024 , e outros aspectos relacionados co patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal. Cada centro educativo poderá presentar un máximo de 10 traballos, cunha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco.

3. Admitiranse obras orixinais e inéditas, individuais ou colectivas, en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega) ou portuguesa (segundo o novo acordo ortográfico).

4. A música e os efectos sonoros que se empreguen deberán ser orixinais, estar libres de dereitos ou ter licenza de uso para este fin educativo. As obras creadas no certame difundiranse baixo a licenza «Creative Commons», que combine as propiedades «recoñecemento»,«non comercial» e «compartir igual».

5. O centro deberá contar coa autorización da nai, o pai ou representante legal do alumnado menor de idade para usar a súa imaxe nas accións de difusión do certame en webs, medios de comunicación, redes sociais, etc., sempre con fins didácticos e sen ánimo de lucro.

6. A solicitude de participación formalizaraa o director ou directora do centro educativo antes do 21 de decembro de 2023 mediante un correo electrónico ao enderezo:
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
No asunto indicarase o nome do centro e VI Premios Xosé Mosquera Pérez.

7. Os traballos, unha vez rematados, deben ser enviados por correo electrónico ao enderezo:
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. 
No asunto indicarase o nome do traballo, o nome do centro e VI Premios Xosé Mosquera Pérez

Realizarase un envío diferente para cada traballo, que debe incluír obrigatoriamente o formulario adxunto dispoñible en:
http://www.arraianos.com/OVDC/Formulario_OVDC.pdf
Nel figurará o título do traballo así como unha relación do alumnado participante, que especificará nome(s), apelidos e curso(s); datos do profesorado responsable e colaborador con nome(s), apelidos e correo electrónico de contacto e os datos do centro educativo (nome, código, enderezo, teléfono e correo electrónico de contacto).

8. O prazo de presentación dos traballos finalizará o 1 de maio de 2024.

9. Establécense os seguintes premios:

9.a. Premio ao mellor traballo do alumnado de 5° e 6° cursos de primaria de Galicia e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma: 500 euros, lotes de libros para a biblioteca, unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro e un diploma acreditativo.

9.b. Premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria de Galicia, doutros centros de ensino non universitario e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, cursadas fóra da Comunidade Autónoma: 500 euros, lotes de libros para a biblioteca e unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro e un diploma acreditativo.

Os traballos finalistas tamén recibirán unha escultura orixinal inspirada na figura do Vello dos Contos, realizada por alumnado da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, así como cadanseu lote de libros e un diploma acreditativo. Os traballos gañadores serán emitidos e divulgados en Radio Galicia e poderán quedar accesibles a través da web da organización e das entidades colaboradoras e do portal
www.ovellodoscontos.gal

Se as condicións o permiten, as obras gañadoras serán emitidas no acto público de entrega de premios desta  IV edición dos Premios lnternacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez, que se realizará no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, antes do remate do curso escolar 2023-2024.

A participación neste certame implica a aceptación total das súas bases. O xurado reserva para si o dereito a interpretalas, cando sexa necesario para o seu bo desenvolvemento. A presentación a este certame implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen.

Este proxecto expositivo itinerante é un percorrido biográfico pola vida e a obra de Xosé Mosquera Pérez, a primeira estrela mediática do noso país, a través dos micrófonos de Radio Galicia, pra promover nos centros educativos os Premios de Podcast "O Vello dos Contos".

CEIP Atín-Cela do Concello de Mos

IES a Sangriña da Guarda


IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova


CEIP Fontes Baíña de Baiona


CEIP Curros Enríquez de Celanova

MENÚ