608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

O Vello dos Contos volve contar

Un certame de «podcasts» devolve á actualidade a figura dun pioneiro da radio e clave no galeguismo

Na Galicia da Segunda República tamén había figuras mediáticas. Entre 1933 e 1936 Xosé Mosquera Pérez foi unha delas. Ou, mellor dito, o personaxe que creou, coñecido como O Vello dos Contos. Era unha figura sacada da compostelá carballeira de Santa Susana e á que Otero Pedrayo cualificaba como «un dos máis transparentes e nobres corazóns da nosa terra». Porque O Vello dos Contos, ou, mellor dito, Mosquera Pérez, era unha figura clave do galeguismo. Nas emisións que se fixeron neses tempos republicanos dende a emisora EAJ 4 Unión Radio Galicia de Santiago, Mosquera fixo campaña a prol do Estatuto para o país. A guerra tronzou aqueles proxectos, coma tantos outros, pero el proseguiu un labor calado mais efectivo nos anos seguintes da longa noite de pedra. Como redactor de La Noche, cando soubo que se vendía a casa de Rosalía na Matanza, Padrón, convocou a un grupo de intelectuais que logo formarían o Padroado para adquirir o inmoble, convertelo en museo e en símbolo de galeguidade e galeguismo.

A súa figura cobra de novo actualidade coa convocatoria, por parte do instituto Rosalía de Castro e Política Lingüística, en colaboración con Arraianos Producións, dun certame de podcasts e relatos radiofónicos. Dirixido a alumnos do derradeiro curso de primaria e de secundaria, tanto os da comunidade como os que impartan galego de réxime xeral de fóra, a iniciativa premiará traballos en galego relacionados co persoeiro a quen se lle dedica o Día das Letras, neste 2019 Antón Fraguas, precisamente parte do círculo de amizades de Mosquera. O prazo remata o vindeiro 17 de maio e o premio está dotado con 1.000 euros, maila emisión da obra gañadora. Algo que, seguro, O Vello dos Contos escoitaría con interese..

Fonte: La Voz de Galicia O Vello dos Contos volve contar

MENÚ