608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

'O escritor Antonio Tizón retrata a súa experiencia coa bipolaridade nun proxecto multimedia contra os estigmas da enfermidade mental'

Di que sempre foi "un tipo raro". Que xa no instituto non mercaba os libros, senón que ía dun sitio para outro cun caderno ás costas, no que apuntaba o que explicaban os mestres nas clases. Que camiñaba entre murmuracións de "tolo", e algunha mirada inquisitiva. "Eu tiña as miñas extravagancias, pero nunca imaxinei que foran síntomas dunha enfermidade", relata o coruñés Antonio Tizón, que leva décadas convivindo cos picos de euforia e tristura do seu trastorno bipola

O escritor, autor de novelas como Un home estraño, tivo que afrontalo coa torpeza dunha época na que a afección era un segredo do que había que avergoñarse. As asociacións de enfermidades mentais eran entón escasas e descoñecidas, e tampouco podía agardar comprensión por parte dos seus familiares, malia que a súa avoa, tres dos seus tíos e mesmo o seu pai a padecían. Naquel tempo aos seus antepasados "só lles interesaba ocultar o estigma", que algúns psicanalistas definían como un simple "xeito de ser". Foi nalgún intre desa década escura, na que todo se facía pendente, cando decidiu que as súas verbas espantarían a soidade do trastorno, que retratou cunha saga negra protagonizada polo policía Xosé Sánchez.

A antesala luminosa foi a primeira peza da súa campaña de visibilidade, que traballou estes dous últimos anos por converter nun proxecto multimedia. O escritor compara ambas obras a raíz do seu forte ton persoal, no que envorca como lidou coa doenza. Non hai espellos no manicomio. Antonio Tizón, biografía dunha superación, é un bosquexo da súa vida por medio de versos cheos de imaxes, pinturas e entrevistas, ao que suma un documental realizado por Antón Ramos e a música de Miro Casabella. Os amigos que o coñeceron antes e despois da afección, o seu editor en Xerais Manuel Bragado e os psiquiatras que o acompañaron no camiño uníronse á aventura do autor ante as cámaras, ao que deu forma en apenas mes e medio.

Houbo algunha noite na que a magnitude da empresa lle absorbeu, e tivo consecuencias. "Pasei dous días sen durmir, traballando no guión, e iso me fixo entrar nunha fase hipomaníaca", conta. Os síntomas „unha euforia desmedida, incontrolada„ xa os coñece, e non lle colleron por sorpresa. Non foi así no 82, o ano da súa primeira crise, que plasma con dor no seu poemario.

"Cando me miro ao espello de 1982, vexo un tolo internado que verborrea sen pausa e logo deambula en silencio polo fondo da súa mente", escribe o coruñés en Non hai espellos no manicomio, que presentará logo do Nadal. No sanatorio ao que se refire pasou algo máis de dous anos da súa vida. O autor lembra o tempo transcorrido alí como un pesadelo, froito da "incompetencia" dos médicos que lle trataron, e que lle someteron a "todo tipo de prácticas". "Provocábanme comas insulíticos, que é como unha morte inducida, e electroshocks que me producían lagoas mentais. Iso me meteu nunha depresión moi fonda", apunta.

A pesar da experiencia, e como o resto das que lle puxo a súa mente, Tizón gañou a batalla contra aquela tristura. O deixa claro na súa obra, na que pretende "amosar que a enfermidade está chea de caídas, pero que todas se poden superar". El o fixo ao saír do centro, e rematar aquela carreira de xornalismo que comezara no 78. O escritor rememora agora cun sorriso nos beizos como a terminou "coas mellores notas da promoción"a que pertencía, debido a incríbel produtividade á que lle empurraba o trastorno naquel momento.

Eses efectos colaterais, coma un superpoder, son un dos motivos que sustentan a "visión romántica da enfermidade". "Moitos optan por non medicarse, porque senten que coartan a súa creatividade. Pero se non te tratas rematas perdendo o control, e logo vén a depresión", explica. Di o coruñés que sen menciñas "non é posible levar unha vida estable", pero para ela tamén é clave o apoio social. Desde a súa xuventude, na que a diagnose era pouco máis que unha busca a escuras, o escritor recoñece un avance, que non é, con todo, suficiente.

"Segue a haber un descoñecemento tremendo, e moitos prexuízos. A xente cre que somos máis imaxinativos ou violentos, e na cultura, cando se trata, trátase mal", denuncia. Coa súa pluma, Tizón pretende abordar "con rigor a enfermidade", e normalizala. Tamén intenta desafogarse e entenderse a si mesmo, dous piares dunha literatura que xa é terapia.

Fonte: laopinioncoruna.es

MENÚ