608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

OUTROS POEMAS

cloud_download Descargar Poema: A antesala luminosa
cloud_download Descargar Poema: A escritura como terapia
cloud_download Descargar Poema: A loucura o primeiro contacto práctico coa morte
cloud_download Descargar Poema: Ao outo lado deste espello
cloud_download Descargar Poema: Romance do neno tolo
cloud_download Descargar Poema: Romancillo bipolar ou son coma ti ainda que non o saibas




POEMA: A ANTESALA LUMINOSA

 

A antesala luminosa

se te sube ata o celeste

cando chegue a túa hora,

non será porque o mereces?

 

A antesala luminosa

que no tempo non perdura.

Se ti non regas a rosa

múrchaseche ata a máis pura.

 

A antesala luminosa

que o pasado che ilumina.

Se non responde a memoria

o pasado se imaxina.

 

A antesala luminosa

que che proxecta o futuro.

Se quedara algunha cousa

por facer no noso mundo.

 

A antesala luminosa

que aclarea e que escurece,

ás veces na vida antollas

esa morte que repeles.

 

A antesala luminosa

crúzaa se che parece,

chegarás ata unha sombra

que xamais desaparece.

 

A antesala luminosa

que te culpa e que te absolve.

Ao final da vida toda

saberás por que se morre.

 

A antesala luminosa

que xa verás algún día.

E non podes ir agora

onde mañá si que irías.

 

A antesala luminosa

que te busca dende sempre.

A loucura atopa a forma

no fondo da túa mente.

 

A antesala luminosa

que te sube e que te baixa,

depresión despois da euforia,

verborrea que se acala.

 

A antesala luminosa

é unha luz intermitente,

que te enfoca e desenfoca,

que te apaga e que te acende.

 

A antesala luminosa

se te baixa ata os infernos

cando chegue a túa hora,

como pasarás o tempo?




POEMA: A ESCRITURA COMO TERAPIA

 

I

 

Escribo como terapia,

para combater a loucura;

en vez de antipsicóticos,

en vez de antidepresivos,

tomo antiepilépticos

e se me dá por escribir.

 

Escribo como terapia,

por prescrición facultativa;

necesito mil miligramos

de ácido valproico

e outro tratamento

que consiste en escribir.

 

Escribo como terapia,

cada día, cada noite;

para inquietarme, para sosegarme,

para desequilibrarme, para equilibrarme,

para desvelarme, para adormecerme,

teño que escribir.

 

Escribo como terapia,

como ditado da alma,

para evadir o espírito,

porque mo pide o corpo,

por iso practico

o exercicio de escribir.

 

Escribo como terapia,

con distintos obxectivos;

ás veces, para divertir;

tamén, para conmover, facer reflexionar;

no fondo, non son máis

que formas de escribir.

 

Escribo como terapia,

para min e para ti,

como unha necesidade,

tan íntima como social;

concibo como unha obriga

o dereito de escribir.

 

Escribo como terapia,

para non ir a terapeutas,

que escoitan en silencio

sen dicir unha palabra

mentres nun caderno de peto

non deixan de escribir.

 

Escribo como terapia,

con máis preguntas que respostas.

Que facer coa loucura?

Que facer coa existencia?

Para entender, hai que ler.

Para ler, hai que escribir.

 

Escribo como terapia,

e como indagación,

escribo do que ignoro

e quero descifrar,

escribo do que sei

e sei de que escribir.

 

Escribo como terapia,

como tratamento que non cura,

que non dá a felicidade,

que non desvela o misterio,

esa busca tan semellante

ao proceso de escribir.

 

Escribo como terapia,

sobre o mundo meu e os alleos;

ás veces, estou maníaco;

ás veces, depresivo;

estaría sempre tolo

se me prohiben escribir.

 

II

 

Andou sempre a loucura

asexándome a mirada

porque sempre vin a vida

como un trato con palabras,

palabras que xa existían,

palabras que transformaba

en ritmos que enlouquecían,

en rimas que saneaban.

Ía facendo poemas

coa miña guerra diaria,

historias fóra da Historia

a soas me imaxinaba,

sacando vitorias leves

das derrotas da miña alma,

secando sobre o papel

o sangue que me empapaba.

 

Pero caín na loucura

porque perdín a esperanza,

perdín a paz, perdín o don

de tratar coas palabras.

Xoguei a ser deus verdadeiro,

a crear todo do nada,

e fixen pactos co demo

cada fin de temporada,

perdín a paz interior

na guerra contra a miña alma,

perdín o don da elocuencia,

de comunicar a ansia,

a facultade da escoita,

a facultade da fala,

cheguei a verme condenado

a vivir sen esperanza.

 

Ata que un día a loucura

se me borrou da mirada,

e de novo vin a vida

como un trato con palabras,

palabras que xa existían,

palabras recuperadas,

os ritmos que enlouquecían

as rimas que saneaban.

E sigo a facer poemas

coa miña guerra diaria,

e agora sei que seguirei

co pánico sempre na alma,

co medo sempre á loucura

que aniquila as esperanzas.

Sei que todo se supera,

que a condena non te mata.

Sei que vivo condenado

a tratar coas palabras!

 

III

 

Sempre escribo da vida e das súas antesalas,

que para min son tres: o amor, a morte e a loucura.

Cada unha ten de luminosa o que ten de escura.

Pódese debater se son boas ou son malas,

 

inda que sería mellor primeiro esmiuzalas.

Parece que o amor é a única que se procura,

  na busca da paixón ou na busca da tenrura,

hai quen o busca ao voo, quen o busca sen alas.

 

Existe o amor, si, pero tamén o desamor,

avatares do destino ou só cuestión de porte,

porque todo pode ir ben ou de mal en peor.

 

E a loucura non é máis ca unha especie de morte,

unha viaxe atroz, unha odisea pola dor,

da que se pode volver, si, pero non máis forte.

 

 

Se inda sendo ti meu amor doutra me namorase...

Tómao ti con calma que xa estou eu delirando.

Quéroa porque é sabia, quéroa porque, ollando,

embriágache a mirada como se te embruxase.

 

E faime de compañeira, de psiquiatra case,

cada vez que me atopa a soas alucinando...

Para curarme a min, que a estiven trastornando,

estudou psiquiatría e logrou que mellorase

 

grazas aos seus consellos, súa sabedoría.

E dela namoreime tamén pola dozura,

xa sei que non debese e iso que non quería...

 

Ao inferno de novo, de novo volve a loucura.

Agora era a euforia, non a melancolía;

por ela que remate, por min como se dura...

 

 

Camiñaba a soas buscando as miñas amigas...

A todas e a cada unha, a todas as buscaba,

e por moito que as buscase, nunca as atopaba.

E ningunha comigo facía boas migas.

 

Mulleres fermosas, exército de formigas,

e sempre as perseguía, sempre me namoraba.

Perseguía as demais cando unha me rexeitaba

e todas me dicían: a min non me persigas.

 

Ata ás descoñecidas tamén eu perseguía...

Que altas, que risoñas, que fermosas todas elas...

Brotes da psicose, desmesuras da manía...

 

E todas namoradas, todas para min belas.

A todas as miraba, a todas as quería.

E todas aos meus ollos espidas e doncelas.

 

 

Ata que chegaches ti, amor meu, o verdadeiro.

Por ti fago sonetos, tentando ser xenial.

Pero o meu é o romance, poética ideal.

Con romances e sonetos ensancho o teu vieiro.

 

Porque ti xa es, por fin, un amor non pasaxeiro.

A pantera permanente, a muller pasional.

Estás máis aló do ben, por enriba do mal.

Meu amor definitivo, nin cuarto nin terceiro.

 

Déchesme o primeiro bico unha tarde de inverno.

Xusto catro anos despois eu caín na loucura.

Inda che levou tempo sacarme dese inferno.

 

Xa dicían algúns que aquilo non tiña cura.

Porque estaba máis morto que don Enrique Tierno.

Pero ao final vin a luz na noite máis escura.

 

 

Encabalgo outro soneto entre tantos romances.

Son moitos romances para tan poucos sonetos.

Son moitas as batallas e non poucos os retos,

moitos os retrocesos e poucos os avances,

 

moitas as aventuras e non menos os lances.

Aquí están meus pensares, meus sentires completos,

a miña vida toda, sen censuras nin vetos,

unha mesma carreira con distintos alcances.

 

Son moitas odiseas que por min atravesan,

odiseas polo amor, a loucura e a morte,

percorridos escabrosos que a min xa me pesan,

 

porque os ando con pesadume, ás veces sen norte,

pero son eses os temas que a min me interesan,

escribo pola desgraza que me tocou en sorte.




POEMA: A LOUCURA: O PRIMEIRO CONTACTO PRÁCTICO COA MORTE

 

I

 

En setembro do noventa e nove,

tiven un accidente mortal do que me quedou a vida como secuela.

Recordo que era eu quen conducía e que a miña filla durmía

nos brazos da súa nai no asento de atrás.

Chovía con suavidade

sobre o asfalto xa mollado da autoestrada

cando, de súpeto, como consecuencia da fase hipomaníaca

na que entón me atopaba, sufrín un subidón de adrenalina

que me levou a invadir, de maneira permanente,

o carril esquerdo.

Ata que un coche se me cruzou

para adiantar un camión

e freei a fondo sobre o asfalto escorregadizo

pola choiva miúda.

Foi pisar o freo

e perder por completo o control do vehículo,

que chocou contra os protectores laterais,

contra a mediana, deu media volta de campá

e quedou esnaquizado coas rodas mirando cara ao ceo.

Perdín tamén o control da mente,

que voou por espazos descoñecidos durante uns segundos,

que a min me pareceron horas, días, anos enteiros...

Porque, como nun relampo,

vin desfilar a miña vida toda nun intre de nada,

a miña vida, a da miña compañeira e a da miña filla,

tres vidas en perigo de morte, cuestión de segundos.

Pero non podiamos morrer así.

Por iso, invoquei a Deus e ao Demo á vez,

estaba disposto a venderlle a alma a calquera

con tal de salvar a nosa vida.

Ao final, foi o Demo quen se fixo cargo

da negociación.

Pedía un sacrificio humano

a cambio das tres vidas,

calquera que se prestase lle valía.

Pero ninguén se prestaba ao sacrificio.

Todos pechaban os ollos

ou lle desviaban a mirada á morte,

porque lle tiñan medo, verdadeiro pánico.

Entón cambiaron os termos

da negociación co Demo,

que agora me preguntaba

se estaba disposto a venderlle a miña alma

a cambio da salvación das outras dúas.

Dixen que si.

Díxenlle que si ao Demo,

a berros,

uns berros que se fosen reais

terían que oírse en moitos quilómetros ao redor.

Pero tan só eu oía os meus berros,

cada vez máis altos, máis fortes, máis desgarrados.

Berreille que si ao Demo.

Porque era a maneira máis rápida

de aprazar aquela tortura,

aquelas mortes prematuras,

absurdas, dolorosas, terríbeis.

Estaba xa negociando co Demo

o prezo definitivo das nosas vidas, das nosas almas,

cando, de súpeto, naquela agonía,

vin aparecer unha muller

que se achegaba cunha cara moi seria.

 Quen sería aquela muller,

que se achegaba cunha cara tan seria,

disposta ao sacrificio,

que me dicía a min que espertase,

que lle dicía ao Demo que se afastase,

que lle dicía á miña filla “tranquila, nena, tranquila”,

mentres a nena choraba chea de vida,

choraba, choraba e choraba?

  

II

 

Unha tarde de setembro

co destino inda moi lonxe,

cando chovía miudiño,

miroume sen verme a morte.

Foi saíndo da Coruña

ao voante do meu coche.

Sen mirar tamén se ve,

sen morrer tamén se morre,

sen vivir tamén se vive,

sempre escampa cando chove.

 

Vin a Deus e vin o Demo

que preguntan e responden.

Comprendín que non salva Deus

nin o Demo te corrompe,

que salvarte ou condenarte

non é cuestión só de sorte.

Eu salveime de milagre

pero inda vexo a morte hoxe,

cando morre cada tarde

no máis profundo da noite.

 

III

 

Tan fácil como difícil

é vivir como morrer,

porque vimos e marchamos

non se sabe para que.

 

Tan fácil como difícil

é mirar como non ver,

porque pode un día a noite

xa xamais amañecer.

 

Tan fácil como difícil

é gañar como perder,

porque poden derrotarte

loitando moito tamén.

 

Tan fácil como difícil

sentir dor como pracer,

porque tamén é posíbel

os dous sentires á vez.

 

Tan fácil como difícil

éche ser como non ser,

porque sempre é milagroso

ese tránsito facer.

 

IV

 

Oín ás veces dicir

que a vida pasa de présa.

Tamén ás veces oín

que a vida pasa moi lenta.

Asusta a vida que pasa,

asusta a vida que queda.

Asusta o tempo sombrío

que ás veces tamén alegra.

Asustan as alegrías

que veñen a duras penas.

Asusta caer de súpeto

nunha absoluta tristeza.

 

Oín ás veces dicir

que a vida non é complexa.

Que nos complican a vida

filósofos e poetas,

que só hai que vivir a vida

ata que a morte apareza,

e logo uns rezos sinxelos

e que sexa o que Deus queira.

Tamén ás veces oín

que hai quen soña cando esperta,

xente que busca verdades

que atopa nalgúns poemas.

 

V

 

A xente que vin morrer

aínda a vexo viva agora.

Impresiona moito a vida,

a morte máis impresiona.

 

Meu avó foise nunha tarde

que morría moi fermosa,

sentado ao pé da lareira,

con case a familia toda.

 

A avoa foise de noite

sentada na súa alcoba,

despois de vivir a vida,

cando lle chegou a súa hora.

 

Meu pai foise algo a destempo

con moi mal sabor de boca,

pedindo perdón á esposa,

que ao seu lado lle perdoa.

 

Miña nai foise calada

porque xa ninguén a escoita.

Miña nai, cando morreu,

levaba xa días morta.

 

VI

 

Eu quero morrer un día,

eu quero morrer con calma,

como morreu miña avoa,

sentado na miña cama,

despois de vivir a vida,

porque me dá a min a gana,

e morrer con dignidade,

sen apartar a mirada

da morte que se me achega,

da morte que xa me chama.

 

Eu quero morrer sereno,

de présa e con moita calma,

a soas comigo mesmo

se a xente non me acompaña,

con todo xa rematado,

sen deixar pendente nada.

Só quero levar comigo

un puñado de palabras,

que manteñan no silencio

algún tipo de esperanza.




POEMA AO OUTRO LADO DESTE ESPELLO

 

Ao outro lado deste espello / a cara que ves non é unha;

podes ver máis de mil caras / e ves polo menos dúas;

pese a tanta claridade / as imaxes vense escuras;

sobre todo, cando a morte / pola mente deambula...

 

Ao outro lado deste espello / a vida semella impura;

contemplas o precipicio / no que consiste a loucura,

explotas en gargalladas / onde as penas non se ocultan,

practicas a verborrea / ou deixas a boca muda....

 

Que facer coas palabras / cando brotan todas xuntas,

cando calan para sempre, / cando non acalan nunca?

Que facer coa existencia / cando se volve tan dura,

escurece o firmamento / e xa non disipa a bruma?

Que facer coa alegría / que se transforma en tristura?

Que facer coa manía, / coa depresión profunda?

Que facer co precipicio / para que nel non sucumbas?

 Que facer coa existencia? / Que facer coa loucura?

 

Por sempre que nos respondan / nunca acaban as preguntas...

Hai respostas que atopamos / só nas nosas propias tumbas.

 

Ao outro lado deste espello / os terrores se acumulan.

Podes ver máis de mil caras / e non podes ver a túa.

Pese a tanta claridade / as imaxes vense escuras.

A loucura maila morte / tralo espello deambulan.




POEMA: ROMANCE DO NENO TOLO

(Unha visión romántica da loucura, cando o poeta pensaba que era marabillosa, que os tolos eran os outros)

De neno, dende moi neno,

xa me chamaban o tolo.

Son un neno diferente.

Eu non son igual que todos.

Cando paso van dicindo

neno tolo, neno tolo.

Camiño sempre moi lento

con cantos que levo ó lombo,

uns cantos ben entoados

que ás veces se volven contos.

Gústame pisar o ceo,

gústame pisar o lodo.

Cando vou pisando o ceo

a terra me parece ouro,

e o ceo o vexo dourado

cando vou pisando o lodo.

Gústame mirar o mar

e gústame ver os arroios,

xogar cos peixes no río

entre a auga que sae a chorros.

De noite, sobre dos campos,

durmo debaixo dos olmos,

e falo coas estrelas,

fálolles de case todo.

Cabalgo baixo da lúa

montado sobre dos poldros.

No silencio do arredor

vánseme pechando os ollos.

Cos meus ollos xa pechados

teño soños moi fermosos.

Soño que os seres humanos,

sexan negros, sexan roxos,

sexan ricos, sexan pobres,

fomos, seremos e somos

felices e desgraciados,

malvados e bondadosos.

Pero a min despois do sono

non me pasa como a todos.

Porque eu sigo vendo esperto

o mesmo que vexo en soños.

E é por iso que me chaman

neno tolo, neno tolo.

Ai, neniños da cordura,

os tolos sodes vosoutros.




ROMANCIÑO BIPOLAR

OU SON COMA TI AÍNDA QUE NON O SAIBAS*

(Romanciño para o Día Mundial da Saúde Mental)

FACER ROMANCIÑOS

É UN GUSTO QUE TEÑO

E GÚSTANME TANTO

POR SER TAN PEQUENOS

O FONDO ENTREVISTO

E A FORMA DE VELO

 

ÁS VECES ESCRIBO

DO ANTIGO TORMENTO

E CANDO RECITO

ACABO CO MEDO

RECITO CON MIMO

RECITO MOI LENTO

XA SEXA DE NOITE

XA SEXA MOI CEDO

 

REGRESAN DE NOVO

RECORDOS XA VELLOS

DESA ENFERMIDADE

QUE COMIGO LEVO

DENDE QUE BROTOU

COMO ALGO XENÉTICO

TAMÉN CONSECUENCIA

DO AMBIENTE TAN NEGRO

 

TRASTORNO MENTAL

BIPOLAR ETERNO

HAI COUSAS QUE DURAN

COMA O FIRMAMENTO

QUE VEÑEN E VAN

COMO VÉN O VENTO

COMO SE VAI O SOL

MÁIS ALÁ DO CEO

 

PASEINO MOI MAL

BAIXEI ATA O INFERNO

E FUN DE ODISEA

DE MÉDICO EN MÉDICO

VISITEI PSIQUIATRAS

SEN PALIAR O TEDIO

NIN A DEPRESIÓN

QUE ESTABA TAN DENTRO

E TAMÉN A EUFORIA

LEVEI DE PASEO

CRÉNDOME DAQUELA

QUE ERA DON PERFECTO

TODO UN SUPERHOME

MAXESTOSO E BELO

FACENDO BARBARIES

QUE AÍNDA NON CREO

 

ATA QUE DE SÚPETO

SAÍN DESE INFERNO

A BASE DE AMOR

DUN BO TRATAMENTO

SEI QUE NECESITO

OS MEDICAMENTOS

UN RITMO DE VIDA

TRANQUILO E SERENO

TAMÉN NECESITO

NOVELAS SONETOS

ROMANCES ALEGRES

ROMANCIÑOS TÉTRICOS

 

XA SEI QUE TI PENSAS

DISTINTO AO QUE EU PENSO

PERO HAI QUEN NON VE

O QUE VE ATA UN CEGO

 

EU SON COMA TI

E SOMOS O MESMO

PERSOAS NO ESPAZO

AO ARBITRO DO TEMPO

 

EU SON COMA TI

TAN SAN COMO ENFERMO

SE INDA NON O SABES

TERÁS QUE APRENDELO

 

*Este poema foi lido polo seu autor, Antonio Tizón, que padece un Trastorno Bipolar, o domingo, 9 de outubro de 2016, na Praza dos Irmáns García Naveira, de Betanzos, trala andaina solidaria e benéfica de oito quilómetros organizada por APEM (ASOCIACIÓN PRO ENFERMOS MENTAIS) con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental.

MENÚ