608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

ÍNDICE DE TEXTOS

 
Prólogo. Biografía dunha superación.

  1. Autobiografía
  2. No interior do manicomio

        I

        II

  1. Ao outro lado do espello

        I

        II

  1. O proceso da euforia

        I

        II

  1. O proceso da depresión

        I

        II

  1. O proceso da recuperación

        I

        II

  1. Non hai espellos nos manicomios

 

PRÓLOGO

BIOGRAFÍA DUNHA SUPERACIÓN

Nacín o 2 de xullo de 1960 en Congostro, unha aldea de dúas casas do concello de Aranga, comarca de Betanzos, provincia da Coruña, onde emigrei cos meus familiares cando apenas tiña catro anos. Nunca fun de campo, como foron e son todos os membros da miña familia. Eu son de cidade, un auténtico urbanita. Gústanme as cidades, pequenas, grandes e medianas, porque teñen todo o que a min me gusta: bares, tascas, restaurantes, cines, teatros, librarías, museos, galerías, concertos, recitais, presentacións de libros e outro tipo de actos aos que asisto habitualmente. Teño a sorte de vivir na cidade que máis me gusta de todas as que coñezo, A Coruña, e nun dos seus barrios máis emblemáticos, Os Castros, do que me considero parte da súa paisaxe e paisanaxe.

Fixen todo o bacharelato, COU incluído, no Instituto de Monelos, e a carreira de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense, de Madrid, uns estudos que tiven que interromper na semana santa de 1982, aos 21 anos, cando estaba a punto de rematar sen problemas o cuarto dos cinco cursos que daquela conformaba o plan académico, debido ao desencadeamento dun brote psicótico, o primeiro e máis grave do meu historial, que me levou ao internamento nun manicomio durante períodos breves e intermitentes. Dende neno xa me chamaban “o tolo”; entre outras rarezas, porque ía a clase sen libro ningún e cun caderno de peto para tódalas materias. Sempre fun; primeiro, como estudante, e despois, como xornalista e profesor, un caso atípico, un home estraño, un tipo raro, pero nunca sospeitei que as miñas rarezas, máis que extravagancias, eran síntomas dunha enfermidade mental latente dende sempre, e que, sen motivo aparente, quizais a xenética, quizais o ambiente, se desencadeou con toda crueza naquela semana santa do 82 na que comprendín definitivamente que a loucura non era ningunha broma, non era creativa nin romántica nin marabillosa, senón unha patoloxía dolorosa e terrible que fai sufrir a quen a padece e ao seu entorno máis próximo. Todas as crises, as caídas, as recaídas, son dolorosas e difíciles de superar. Pero a primeira e a peor de todas. Porque non entendes o que che está a pasar, perdes toda esperanza e pensas que nunca volverás ser a persoa que fuches.

Tardei trinta e catro meses en saír do pozo, en volver ser, se non o mesmo, alguén semellante a quen antes era. Tardei trinta e catro meses en superar as dúas fases, a maníaca e a depresiva, do meu trastorno, a costas sempre comigo dende entón, que cada vez coñezo mellor, pero que inda agora, case corenta anos despois, xa ao bordo dos sesenta, sigo intentando descifrar na súa complexidade. Trinta e catro meses despois da miña primeira baixada aos infernos volvín a Madrid e acabei o último curso da carreira coas mellores notas do meu expediente. Foi este o primeiro capítulo da miña historia de superación, unha historia que quero contar neste proxecto, unha historia que me quero contar a min e que che quero contar a ti, porque creo que pode ser útil para os dous, que nos pode servir de aprendizaxe, como un canto á esperanza, non a esperanza vana de lograr o imposible, a imposible curación, senón de asimilar os conceptos aplicables á nosa condición: prevención, recuperación, normalización, integración, superación, entendidos todos eles como un proceso inacabable de aprendizaxe, porque / eu son coma ti, / tan san como enfermo, / se inda non o sabes / terás que aprendelo /, porque / eu son coma ti, / e somos o mesmo, / persoas no espazo / ao arbitro do tempo.

AUTOBIOGRAFÍA

  1. Autobiografía

O que NON son:

Non son o fillo dunha nai analfabeta
pero si o neto dunha avoa que non sabía ler nin escribir.
Non son machista, en teoría, pero na práctica nunca loitei de verdade pola causa xusta do feminismo.
Non son o home que se fixo e se desfixo a si mesmo.

 

O que en PRIMEIRO, SEGUNDO E TERCEIRO LUGAR non son:

En primeiro lugar non son dos que lle funcionan ben os sentidos,
en segundo lugar non son dos que seguen os ditados da razón,
e en terceiro lugar non son dos que andan de présa e correndo.

 

O que POR DESGRAZA non son:

Por desgraza non son un novelista de primeira categoría,por moito que un día, en público e en privado, misericordiosamente,
no café EL CERCANO, de Ourense,
me quixera convencer de todo o contrario
un novelista de primeira categoría.
Por desgraza non son un poeta extraordinario,
por moito que mo repitan a miúdo
a miña muller, a miña filla e catro amigas misericordiosas.

 

O que POR SORTE non son:

Por sorte non son un drogadicto,
por moitas drogas que tomei e tomo aínda,
agora tan só ácido valproico,
nada de antipsicóticos nin antidepresivos.
Por sorte non son un alcólico,
por moito alcol que bebín e bebo aínda,
agora tan só viño,
nada de whiskys nin cafés irlandeses.


O que DEFINITIVAMENTE non son:

Definitivamente non son dos que votaron o 15 de xuño de 1977
porque non tiña a idade regulamentaria.
Definitivamente non son dos que votaron o 28 de outubro de 1982
porque ese día non me deixaron saír do manicomio no que estaba ingresado.
Definitivamente non son dos que votan sempre que toca votar.
Definitivamente non son dos que toman en serio
a presunta intelixencia dos asasinos en serie que vemos nas películas.
Definitivamente non son un asasino en serie.
Definitivamente non son un bohemio estrafalario.
Definitivamente non son dos que participan da concepción romántica da loucura.
Definitivamente non son tan triste coma o futuro que nos espera.
Definitivamente non son tan divertido como antes,
antes da endemoñada semana santa de 1982,
cando vin con claridade o lado máis escuro da existencia,
cando tiven o meu primeiro contacto práctico coa morte,
cando me volvín tolo de súpeto,
cando descubrín o que significaba baixar ata o inferno dunha forma definitiva.
Definitivamente non son dos que cren que haxa algo definitivo.

 

O que DE CERTO non son, MAIS TAMPOUCO son:

De certo non son un cúmulo de virtudes mais tampouco a suma de tódolos defectos.

 

O que NON son NIN son:

Non son dos que presume de tolo nin dos que aínda non saíron do armario.

 

O que NON quero:

Non quero volver ao paraíso nin ao inferno.

 

O que QUERO:

Quero ler e escribir sen pasar noites en branco.
O que QUIXEN:
Quixen coñecer paraísos ficticios.

 

O que TIVEN:

Tiven un accidente mortal do que me quedou a vida como secuela.
Tiven dúbidas de que fora capaz de saír dun pozo tan negro.
Tiven que entrar en prostíbulos para non perseguir mulleres polas rúas.
Tiven que armarme de frialdade para non suicidarme.
Tiven un psiquiatra, xa xubilado, o doutor Cubillo, un home honesto e competente,
que me axudou nos meus procesos de superación.
Tiven unha muller que me axudou a non dar máis voltas polo inferno.

 

O que TEÑO:

Teño a mesma muller que tiven.
Teño unha psiquiatra nova coa que, afortunadamente, apenas consulto.
Teño unha filla coa que xa non contaba pero xa non imaxino a vida sen ela.
Teño sete amores platónicos e tan só un aristotélico.
Teño moitas amizades que, a pesar do mal que lles fixen, aínda conservo.

 

O que INTENTO ser:

Un enfermo mental crónico en permanente estado de eutimia.

 

O que SON:

Son xenética nun 60 por cento e ambiente nun 40,
segundo o prestixioso xenetista galego, mundialmente recoñecido, Ángel Carracedo.

 

O que, en consecuencia, SON:

En consecuencia, son unha mestura desproporcionada de factores xenéticos e ambientais.

 

O que, en definitiva, SON:

En definitiva, son un tipo socialmente afortunado, dentro da miña desgraza conxénita.

 

O que, se cadra, SON:

Se cadra son todo o que me dicía miña avoa, que era analfabeta,
pero que lía á perfección na alma das persoas
o seu pasado, o seu presente e o seu futuro.

 

POEMARIO

  1. No interior do manicomio

I

No interior do manicomio hai

bipolares tipo I diagnosticados como esquizofrénicos simples,

esquizofrénicos simples tratados como paranoicos e paranoicos diagnosticados e tratados como bipolares tipo I.

No interior do manicomio hai

persoas trastornadas que entran en pánico con algúns tratamentos de choque e hai outras,

igual de trastornadas, que saltan de xúbilo coa aplicación das mortes súbitas do electrochoque ou o coma insulínico.

No interior do manicomio hai

un xogador empedernido que se empeña cada tarde, despois da merenda,

en xogar ás cartas con tres compañeiros indiferentes coa misión imposíbel de paliar a súa indiferenza absoluta.

No interior do manicomio hai

un cociñeiro excepcional que se estrelou contra o baleiro cando ao seu restaurante,

tan refinado, os expertos na materia lle quitaron unha das súas tres estrelas Michelín.

No interior do manicomio hai

un fuxitivo recalcitrante que escapa continuamente do recinto amurallado

na busca da liberdade perdida e sempre regresa de forma voluntaria ao interior do manicomio.

No interior do manicomio hai

unha muller madura que ingresou cun sorriso, tan encantado como encantador, e agora, apenas uns días despois,

xa ten un rostro impasíbel e unha expresión de seriedade permanente nos seus labios pechados ao encanto.

No interior do manicomio hai

unha muller serena, sempre tranquila, estábel, educada, elegante, ata que unha tarde,

sen perder a súa elegancia innata, esnaquizou o televisor do salón comedor contra o interior do manicomio.

No interior do manicomio hai

un psiquiatra deshonesto e incompetente, o director e propietario, que, ante o noso estado catatónico,

que non quere nin sabe paliar, remata cada rolda de recoñecemento cunha frase invariábel: cando espeliredes?

No interior do manicomio hai

unha recepcionista coqueta que nos mira fixamente aos ollos

coa esperanza de atopar nalgúns algún tipo de espello máxico que lle devolva a súa imaxe perfecta.

No interior do manicomio hai

unha limpadora simpática, que fai tamén labores de secretaria, e sempre que nos ve mirando as paredes baleiras,

sorrí e nos pregunta: por que non hai espellos no interior do manicomio?

 

II

Hai persoas trastornadas / que manteñen o control,

hai fases leves, agudas, / e fases en remisión,

manías exacerbadas / fundidas na depresión,

complexas esquizofrenias / de vil simplificación,

e ata hai bipolaridades / concibidas como un don.

Hai total indiferenza / nas olladas ao redor,

hai mutismos absolutos / que son restos do fulgor,

moita dor e sufrimento / de distinta condición,

porque a dor é inevitable / pero o sufrimento, non.

Hai cartas manipuladas / que reparte un xogador

cos destinos trampeados / con inútil prevención.

Hai miradas silenciosas / que ven a televisión,

que esnaquizan contra o chan / para deixala sen voz.

Hai unha enfermeira esquelética, / un rotundo celador,

hai un psiquiatra terrorífico / con terapias de terror,

que receita a morte súbita, / que practica o electrosock,

que confunde o desvarío / cunha simple desviación,

o tratamento cos síntomas, / a imposible curación.

Hai vidas sen esperanza / de calquera salvación,

que só mitiga a muller / que sorrí en recepción

e a limpadora simpática / que nos frega a habitación.

Hai, en fin, este manicomio / que nos causa repulsión,

sen espellos exteriores / que retraten o interior

 

 

  1. Ao outro lado do espello

I

Cando me miro ao espello de 1960

vexo un bebé chorando polo peso xenético da enfermidade mental que abraza a vida da man da súa avoa,

a comadroa da súa nai, que acaba de parir axeonllada no chan da cociña dunha casa chea de homes bipolares.

Cando me miro ao espello de 1964

vexo un fillo compunxido que camiña pola beira do río detrás dun pai delirante, vexo dúas mulleres sans, a avoa e a nai,

que deciden destinos, e vexo unha familia enteira que emigra para fuxir da miseria e da loucura.

Cando me miro ao espello de 1968

vexo un neto atónito que contempla marabillado a morte doce e súbita do seu avó,

que non era un home estraño, senón un enfermo mental nunca diagnosticado nin tratado.

Cando me miro ao espello de 1970

vexo un bacharel incipiente, de apenas dez anos, ao que chaman “o tolo”

porque vai a clase sen libro ningún e cun único caderno de peto para tódalas materias.

Cando me miro ao espello de 1974

vexo un creador de fantasías que se enfronta coa realidade familiar cando un tío, por parte de pai,

na apoteose dun brote psicótico, ameaza con matar á veciñanza cunha machada entre as mans.

Cando me miro ao espello de 1975

vexo un alumno sorprendido que escoita ao seu profesor de matemáticas, ao que tamén chaman “o tolo”,

falar durante tódalas súas clases de novembro da política que agoniza a pesar dos coidados intensivos.

Cando me miro ao espello de 1977

vexo un menor de idade que quere pero non pode votar aquel mércores de xuño

no que cre é o primeiro amañecer luminoso despois de tan longa noite de pedra.

Cando me miro ao espello de 1978

vexo un emigrante galego que non ten máis remedio que ir estudar a Madrid e o primeiro que pensa,

nada máis aterrar na capital, é que naquela cidade a esquizofrenia está ao alcance da mente.

Cando me miro ao espello de 1979

vexo unha parella romántica, un poeta novato que lle escribe un romance a unha pintora, igual de novata,

mentres ela lle fai un retrato en pleno parque do Retiro nun domingo xélido de xaneiro.

Cando me miro ao espello de 1980

vexo un cidadán traumatizado, pola xenética e polo ambiente, entre terroristas que matan a diario,

militares que conspiran cada día e fascistas que obrigan a miúdo a cantar o Cara al sol.

 

Cando me miro ao espello de 1981

vexo un viaxeiro solitario que entra nun metro sen xente e sae nunhas rúas baleiras preguntándose,

ao bordo da tolemia, por que está só no mundo se o reloxo da Porta do Sol inda marca as nove da noite.

Cando me miro ao espello de 1982

vexo un tolo internado que verborrea sen pausa e logo deambula en silencio polo fondo da súa mente

no interior de dous manicomios; un, público, e o outro, privado.

Cando me miro ao espello de 1983

vexo un bandallo irrecuperábel que semella condenado para sempre a perderse nunha odisea polo inferno

sen esperanza ningunha de atopar de novo o camiño de regreso.

Cando me miro ao espello de 1985

vexo un mudo desmemoriado que recobra a fala cando unha antiga compañeira de instituto lle recorda os vellos tempos

tras coincidir nun cinema da Coruña que aquela tarde proxectaba PARÍS-TEXAS.

Cando me miro ao espello de 1986

vexo un licenciado feliz pola Universidade Complutense que, tras superar unha depresión, que cría insuperábel,

posa agora engravatado, ao bordo da euforia, para a orla de licenciatura.

Cando me miro ao espello de 1989

vexo un xornalista vocacional que exerce a súa profesión ata que un día recibe unha oferta de traballo que non pode rexeitar

porque sería tanto como non aceptar o seu propio destino.

Cando me miro ao espello de 1993

vexo un camiñante perdido, dando voltas polos atallos, que chega tarde á morte inesperada da súa avoa,

por moito tempo que ela fixo para esperar esa chegada.

Cando me miro ao espello de 1996

vexo un escritor inxenuo que xa dá mostras de vergonza e arrepentimento

ao comprobar que os seus dous primeiros libros publicados o denudan por dentro dende os escaparates das librarías.

Cando me miro ao espello de 1997

vexo un pai aliviado que contempla a súa bebé, chorando na incubadora, mentres reza para que á súa filla

non lle toquen tamén os xenes patolóxicos que, na súa familia, se transmiten como unha maldición.

Cando me miro ao espello de 1999

vexo un condutor eufórico que sofre un accidente mortal do que, milagrosamente,

tan só lle queda a vida como secuela que se reflicte de forma cíclica ao outro lado do espello onde se mira.

 

 

II

Ao outro lado deste espello / a cara que ves non é unha,

podes ver máis de mil caras / e ves polo menos dúas,

pese a tanta claridade / as imaxes vense escuras,

sobre todo cando a morte / pola mente deambula.

 

Ao outro lado deste espello / a vida semella impura,

contemplas o precipicio / e descobres a loucura,

explotas en gargalladas / que non disipan a bruma,

practicas a verborrea / ou deixas a boca muda.

 

Que facer coa existencia / cando se volve tan dura?

Que facer coa alegría / cando non disipa a bruma?

Que facer coas palabras / cando pecha a boca muda,

precipita a verborrea / e as palabras brotan xuntas,

imposibles de acalar / mentres elas non sucumban?

Que facer coa manía, / coa depresión profunda?

 

Que facer co precipicio / no que sucumbe a tristura?

Quen ofrece esas respostas? / Quen responde estas preguntas?

Hai respostas que atopamos / só nas nosas propias tumbas.

Que facer coa existencia? / Que facer coa loucura?

 

Ao outro lado deste espello / os terrores se acumulan.

Podes ver máis de mil caras / e non podes ver a túa.

Pese a tanta claridade / as imaxes vense escuras.

A loucura maila morte / tralo espello deambulan.

 

 

  1. O proceso da euforia

I

Foi na endemoñada semana santa do oitenta e dous cando toleei de súpeto, subín a estima propia a costa da allea

a través dun estraño delirio de grandeza que me levou a cruzar o lado máis escuro da existencia,

a alucinar con Zaratustra, o superhome, a ver a Deus e a falar co Demo.

 

E díxenlle ao Demo: aparta, Demo, do meu camiño, que xa non te quero vermáis, nin facer máis tratos contigo,

porque agora xa son máis listo, máis forte, máis grande ca ti.

Véxote e dáme a risa. E ríome. E búrlome de ti. E atrévome a dicirche: aparta, Demo, do meu camiño...

 

E díxome o Demo:

pobre tolo, imbécil, parvo, estúpido, ignorante, inxenuo, estrafalario, delirante, enfermo de grandeza,

facendo tratos comigo, que son intratábel, intentando vencerme a min, que son invencíbel,

querendo burlarte de min, o creador da burla, da burla e do engano, do espellismo e da aparencia.

 

Pobre tolo, querendo burlarte de min, o maior burlador da creación, o creador da desmesura e do horror,

o creador do mal, a loucura e a morte, da depresión e da euforia,

de ningunha das chamadas virtudes e de todos os defectos chamados,

das odiseas polo inferno, das alucinacións e dos delirios de grandeza...

 

Pobre tolo, como caíches nas miñas redes de gran pescador,

de gran tentador, o gran corruptor da alma humana, que te corrompeu por dentro, que te minou a razón,

que te volveu tolo, pobre tolo, se non xogaras con lume,

se non foses tan cego, se non cruzaras tantas antesalas luminosas, quizais non caerías na loucura...

 

Nesta loucura, nesta euforia desmedida, nesta libido exacerbada,

que se lle dá por entrar en prostíbulos para non perseguir mulleres polas rúas, nesta manía sen control,

que se lle dá por roubar libros en FNAC e repartilos polas prazas, polas zonas do botellón, entre a rapazada,

que non sabe beber, que xa non le, para que aprenda, a beber, a ler...

Pobre tolo, romántico empedernido, bohemio desfasado, paradigma da creatividade,

crendo que a loucura é creativa, positiva, marabillosa, un valor engadido, un delirio de grandeza,

pobre tolo, inxenuo estrafalario, home estraño, tipo raro, que confunde as rarezas cos síntomas dunha enfermidade...

 

Dunha enfermidade mental, porque a mente tamén enferma,

non sabes o que che espera, sufrirás ti e farás sufrir aos demais,

amizades, familiares, deixarante de lado, escaparanche como a un apestado, ninguén te quererá xamais,

xamais volverás querer a ninguén, porque estás baleiro por dentro, a soas coa túa soidade.

 

Estás ido, alucinado, queimado, fóra da realidade; perdida a razón,

xa non hai razóns para vivir; tanto ir de tolo pola vida,

e agora xa estás tolo de verdade, tolo de remate, tolo por completo, tolo sen remedio,

pero a loucura non é o que ti crías, o que ti pensabas, o que ti soñabas...

 

A loucura non é fantástica, non é creativa, non é positiva, non é marabillosa, non é bendición ningunha,

a loucura é unha maldición absoluta, unha condena a morte, unha enfermidade de por vida,

unha enfermidade mental, grave, terrible, crónica, sen curación posíbel...

 

Pobre tolo, adeus, para sempre, adeus, porque xa non volverás ser ti mesmo,

porque xa experimentaches o lado máis escuro da existencia,

porque estás louco, e a loucura é unha maldición do Demo, e eu, que son o Demo,

o Demo en persoa, maldígote, condénote ao inferno, encérrote no manicomio...

 

Foi na endemoñada semana santa do oitenta e dous,

coincidindo coa invasión das Malvinas, cunha nevada sobre Madrid, coa morte de dona Ana,

a miña avoa da capital, cando me volvín tolo de súpeto, cando me encerraron en dous manicomios;

un, público, e o outro, privado, cunha euforia desmedida, en pleno delirio de grandeza...

 

 

II

En plena semana santa, / cando a invasión das Malvinas,

cando a morte de dona Ana, / cando as tardes eran frías,

cando por raro que fose / nevaba polas esquinas.

Estaba en Madrid daquela / en vez de estar en Galicia

cando a capital de España, / a cidade das delicias,

dos centos de diversións, / das mil e unha marabillas,

converteuse nun inferno, / nunha cidade maldita.

Na miña antiga pensión / xa velaban á velliña,

choraban por dona Ana / os sobriños e as sobriñas,

unha muller centenaria / á que tamén eu quería,

como unha segunda avoa, / igual ca a miña madriña.

Por iso, cando a vin morta, / vinme a min tamén sen vida,

e fuxín desa visión / que ata entón eu nunca vira.

Porque toleei de súpeto / entre o salón e a cociña.

Corrín á desesperada / na busca dunha saída,

esquivando coñecidos / que non me recoñecían,

vendo caras familiares / que non eran da familia,

empuxando cara á morte / os amigos e as amigas,

que fuxían ao meu paso / coma se eu os perseguira.

Escondinme nun cinema / sen xogar ás escondidas,

intentando soamente / liberarme da agonía,

borrar da miña cabeza / todo aquilo que só eu vía,

que estaba na miña mente / pero que non existía.

Adormecín na butaca / e vin o que nunca vira:

a miña segunda avoa / e a primeira departían,

daba igual que unha morrese / e que a outra estivese viva,

sentadas ao pé do lume / semellaban divertidas,

sen distancias nin barreiras / entre a morte e maila vida;

como sempre, falangueiras; / como sempre, tan tranquilas.

Antesalas luminosas / no meu sono escurecían,

e soño cunha colmea / que me reborda de dita,

con eternos abellóns / que rodean a raíña.

Esperto sobresaltado / porque volven as desditas.

Agora sinto que o demo / contáxiame a súa risa,

e río sen vir a conto / e sen ningunha alegría,

ata que vexo un deus serio / que axiña me tranquiliza.

Saio á rúa xa sereno / e mirando os que me miran,

desvelando os seus secretos / en cada unha das pupilas.

As persoas xa me escapan / cada vez que me divisan.

Pensan que son mesmo o demo / que seduce e que escraviza.

Síntome entón SUPERMAN / sen saber que me ocorría,

como acabei de sentirme / xamais imaxinaría.

Crin que xa alcanzara a gloria, / unha sensación divina,

que era máis forte ca o demo / e doume de novo a risa,

crin que era máis listo ca deus, / que ninguén xa me escraviza,

que por fin era xa libre, / que libre sempre sería.

Falei con Deus e co Demo, / en versículos da Biblia,

e falei con Zaratustra, / oín ben que me dicía:

morreu Deus, tamén o Demo, / para que a filantropía.

E díxenlle a Zaratustra / que me fixese de guía,

de prostíbulo en prostíbulo, / de bar en cafetería,

e que deixase os sermóns / para cando fose á misa,

que compartise comigo / aquel torrente de dita.

E fomos os dous de esmorga, / de cantinas en cantinas.

de prostíbulo en prostíbulo / de bar en cafetería,

asimilando parábolas, / perífrases e outras citas,

con palabras, con mulleres, / que os seus corpos ofrecían.

Comprendín moitos misterios, / case tódolos enigmas.

Ata que quedei sen fondos / na miña tarxeta Visa.

Ás putas fíxolles graza / pero aos seus chulos nin pinga.

Libreime dunha malleira / creron que era tolería.

Chamaron unha ambulancia, / deixáronme en Psiquiatría.

Un experto na materia / un brote me diagnostica,

primeiro brote psicótico / daquela loucura miña,

e ingreso no manicomio / antes de que empece o día.

Entrei como un súper home, / case a gargallada limpa,

sen saber por que nin como / cortáronme axiña a risa.

Á cama da habitación / atáronme de seguida.

Chamei polo meu irmán maior, / polo resto da familia,

por médicos e enfermeiras, / e ninguén me respondía.

Non deixo de maldicir / aquela graza maldita

Porque xamais imaxinei / que tanto se sufriría,

que a loucura fose así, / peor ca unha morte en vida!

 

Euforia, maldita euforia, / que comeza como acaba,

Pensas que es un súper home / que lideras a MANADA,

e logo creste só líder / da calamidade humana,

a indiferenza absoluta, / a total desesperanza.

Euforia, maldita euforia, / que te eleva e que te arrastra

dende o ceo ata o inferno, / todo na mesma xornada;

oscilas entre dous polos, / vas da tempestade á calma,

da verborrea ao mutismo, / da noite ata a madrugada,

de ver todo cor de rosa / a non ver de rosa nada.

Euforia, maldita euforia, / que te sube e que te baixa;

camiñas por un abismo / no fío dunha navalla,

rodeas un precipicio / que no fondo por ti agarda,

e déixaste seducir / pola dita que te embarga.

Euforia, maldita euforia, / que xamais te desengana,

que te eleva ata a manía, / que ata a depresión te arrastra.

 

 

  1. O proceso da depresión

I

Ingresei no manicomio cunha euforia desbordada, entre delirios de grandeza,

e, ao pouco tempo, apenas uns días despois, caín nunha profunda depresión.

 

Depresión, sen causa, endóxena, non reactiva, máis xenética que ambiental, silenciosa, muda, calada,

o mutismo absoluto que sempre queda trala verborrea.

 

Depresión, fonda e terríbel, desas que ningún produto químico pode erradicar,

desas que supoñen o primeiro contacto práctico coa morte, que significan a primeira baixada en serio aos infernos,

sen o máis leve rastro do camiño de regreso, sen a menor posibilidade de imaxinar o final do sufrimento.

 

Depresión, fonda e terríbel, desas que se resisten a calquera tipo de tratamento,

desas que nada nin ninguén son capaces de aliviar, que supoñen unha odisea a soas polo inferno,

unha odisea que pode durar días, semanas, meses, un ano, un ano e medio...

 

Despois de ano e medio de odisea polo inferno xa non existe o pasado nin o futuro,

tan só o presente, tedio puro, eterno, triste, desolador...

 

Pero o peor de semellante odisea polo inferno non é o tedio, a desolación, a tristura, o fastío, a canseira infinita,

o suplicio diario de erguerse da cama, afeitarse, ducharse, amañarse, vestirse, atar os cordóns dos zapatos...

 O peor non é terse por un inútil, un miserábel, un bandallo, un estorbo, un condenado...

 O peor non é aturarse a si mesmo, rumiar cada día a idea delirante do suicidio...

 O peor non é sentirse mal...

 O peor é sentir como o mal se apoderou xa de ti...

 O peor é non sentir nada. Nada de nada.

 Nada por nada.

 Nada por ninguén.

 O peor é vivir sen esperanza ningunha,

 sen a esperanza de volver sentir algo algún día.

 

II

Depresión que non ten causa, consecuencia do misterio,

que aniquila o corazón / e baleira o pensamento,

como unha besta feroz / que te devora por dentro,

que te deixa inmune a todo / menos ao teu sufrimento.

Depresión que planifica / unha baixada ata o inferno,

sen esperanza ningunha / de pisar de novo o ceo.

Depresión que se resiste / a todo medicamento,

toda terapia de choque / ou calquera outro remedio.

Non vale forzar un coma / nin practicar un electro,

nin convalecer na casa / ou en calquera centro médico,

hospital a todo luxo, / manicomio sen espellos,

enfermidade ambiental / e deriva do xenético,

un día estamos moi sans / e outro día enlouquecemos.

A loucura cobra forma / no máis fondo do cerebro.

Pásome as noites en branco / coñecendo ese misterio.

Coñezo que significa / pasar as noites en branco

á espera de que amañeza / un insomnio inda máis largo

Coñezo que significa / o esforzo de ir ata o baño,

aclarar cada mañá / o cabelo enxaboado,

na parede sen espellos / ver o rostro sen miralo.

Coñezo que significa / un tempo petrificado,

sufrir o paso das horas / cando non cambian de paso.

Coñezo que significa / un suicidio planeado,

non é cuestión de valor, / nin de que sexa bo ou malo,

senón de non sufrir xa / despois de sufrir xa tanto.

Coñezo que significa / un futuro sen pasado,

un presente sen futuro, / padecer ese calvario.

 

 

 

  1. O proceso da recuperación

I

Vivir sen memoria é peor ca vivir con alzhéimer. Porque xamais se esquece que se perdeu a memoria.

E non ter pasado é aínda peor ca non ter futuro, nada comparábel ao inferno de ter que vivir un presente sen esperanza.

 

Eu levaba moito tempo vivindo así. Ata que, de súpeto, sen explicación ningunha,

sen causa que o xustificase, recuperei a esperanza, a gana de vivir,a elocuencia, atopei o camiño de regreso do inferno.

 

Foi nun venres despexado de febreiro, en plenas festas do Entroido do oitenta e cinco,

cando coincidín no teatro Rosalía de Castro, que proxectaba PARÍS-TEXAS, cunha muller que coñecía pero non sabía de que.

 

Era unha antiga compañeira do Instituto que, trala sesión das oito, estivo contándome toda a miña vida estudantil,

cando me chamaban “o tolo”, mentres camiñaba ao meu lado polas tabernas da Cidade Vella.

 

Ao principio, limiteime a escoitar, a oír anécdotas das que xa non me acordaba.

Pero, ao pouco tempo, como un milagre, empecei tamén eu a falar sen esforzo,

coa naturalidade de antes, por primeira vez nos últimos trinta e catro meses.

 

Non foi unha noite de esmorga pero, ao día seguinte, espertei sen rastro de depresión,

aínda que con moitas lagoas na miña memoria, que recordaba algunhas cousas e non outras que tamén me sucederan.

 

Acordábame do Retiro pero non do Parque do Oeste. Acordábame das Covas de Sésamo

pero non do subterráneo que daba acceso ao Villamagna. Acordábame do 23-F pero non da guerra das Malvinas.

 

Con todo, de quen máis me acordaba −a quen nunca puiden esquecer, coa que sempre mantiven o contacto−

era da muller que tanto me axudou a saír vivo, que non intacto, despois de dar tantas voltas polo inferno.

 

Sen terapia nin pastillas puxen todo o meu empeño en reencontrarme comigo mesmo e cos demais,

en encher os baleiros da miña mente cos recursos antigos da imaxinación recobrada e da memoria perdida.

 

Volvín ver as películas que xa vira. Volvín ler os libros que xa lera.

Volvín escribir e reescribir, libros novos e vellos, os que tiña na cabeza e no caixón,

volvín proxectar o futuro, vivir o presente e revivir o pasado.

 

Ata que, no outono do oitenta e cinco, corenta e dous meses

despois da aínda non ben recordada semana santa do oitenta e dous,

encamiñeime de novo cara á capital para rematar a carreira e, de paso, saldar algunhas contas pendentes co destino.

 

 

II

Sucedeume en pleno Entroido, / xusto no medio das festas.

O teatro Rosalía / proxectaba PARÍS−TEXAS.

Despois da sesión das oito, / co filme inda na cabeza,

saudoume unha rapaza / que non sabía quen era.

Acordeime cando dixo / por que me recoñecera:

do Instituto de Monelos, / unha antiga compañeira.

Faloume dos vellos tempos, / volvemos á adolescencia,

ai, que risas se traía, / que anécdotas aquelas;

ela, ría á gargalladas; / eu, coa cara moi seria.

Pareceume pasional / e tamén bastante tenra,

divertida, melancólica, / altiva e tamén pequena.

Axiña fomos de viños / por toda a Cidade Vella;

como sempre, ultimamente, / eu non pronunciaba letra,

tampouco dicía nada / porque o dicía todo ela.

Ata que, sen decatarme, / comparto tamén a leria,

e con naturalidade / falo e bebo na taberna;

entre risos e palabras / volvo ser como antes era.

Adeus, trinta e catro meses / anegado pola pena!

Non foi unha noite de esmorga / nin unha aventura plena,

pero sentín que a alegría / fulminaba xa a tristeza,

grazas a aquela rapaza / que fixo de terapeuta.

 

Comezo unha nova vida / sen terapia de algún tipo,

sen ningún antipsicótico / e sen antidepresivos,

sen as doses de valproico / sen tomar sequera litio.

Volvo de novo escribir / os meus libros esquecidos,

neles vexo clara a morte / e con eles resucito.

As lagoas da memoria / que xa forman todo un río,

desembocan xa na mar / co seu caudal infinito.

Recordo o VINTE E TRES EFE / e acórdome do Retiro,

pero non do VILLAMAGNA / que nos servía de niño.

Recordo a primeira vez / que me subiches ao embigo,

as caricias do principio, / e o noso primeiro bico.

E recordo outros lugares / e tantos e tantos sitios,

os parques e os subterráneos, / os hoteis que compartimos,

pero non o apartamento / onde perdín o sentido,

onde caín na loucura / e sucumbín no delirio.

Quero chegar ao final, / volver de novo ao principio,

volver de novo a Madrid /para acabar Xornalismo,

a carreira que comecei / pouco despois do franquismo.

Quero compartir vivencias, / gozar do compañeirismo,

vivir con normalidade, / desterrar o maleficio,

entendendo a enfermidade / que ás costas levo comigo,

disposto á integración / neste mundo no que vivo,

disposto a saldar as contas / pendentes co meu destino.

 

 

  1. Non hai espellos nos manicomios

Moi boas tardes a todos e a todas, e moitas grazas por asistir a este debate sobre psiquiatría que terá lugar aquí e agora, cando son as oito en punto, neste auditorio da FUNDACIÓN PAIDEIA, situado en plena Praza de María Pita de A Coruña. Un debate que será retransmitido en directo, de forma simultánea, pola Radio e a Televisión de Galicia. O que pretendemos é afondar nese debate sobre psiquiatría que nas últimas semanas se está a producir nos principais medios de comunicación a partir da publicación do libro Anatomía dunha epidemia, escrito polo xornalista norteamericano Robert Whitaker. Temos nesta mesa algúns dos principais participantes nese debate tan polémico e interesante.

 

Ademais de Whitaker, está con nós o psicanalista inglés Darian Leader, autor doutro libro recente, Esencialmente bipolar, o profesor danés Peter Gotzsche, que escribiu o non menos controvertido Psicofármacos que matan, e temos tamén con nós a Miguel Gutiérrez Fraile, catedrático de Psiquiatría da Universidade do País Vasco e presidente da Sociedade Española de Psiquiatría. E, por último, está aquí Antonio Tizón, que participou nese debate impreso pola súa condición de enfermo mental, pois padece un trastorno bipolar, e participou con 100 palabras exactas, o límite máximo permitido na sección de Cartas ao Director, segundo o regulamento do periódico no que lle publicaron a súa misiva. E comezamos xa o debate cunha primeira intervención, a modo de declaración de principios sobre o tema que nos vai ocupar durante as dúas próximas horas.

 

Señor Whitaker, cando queira:

“Despois de analizar con lupa diversos estudos científicos, para min hai dúas claras evidencias; a primeira, é que os trastornos mentais non se deben a alteracións químicas do cerebro, polo que as súas causas non son biolóxicas, e a segunda, é que os fármacos –cuxo uso aumentou de forma vertixinosa nos últimos tempos− non resolven os problemas das enfermidades mentais, porque non as curan senón todo o contrario: hai unha epidemia de enfermidades mentais creada polos propios fármacos. Dito doutra maneira: é a industria farmacéutica, na busca do éxito comercial, a que está creando mercado para os seus fármacos, a que, en definitiva, está creando pacientes”.

 

Señor Gotzsche, cando queira:

“Eu estou de acordo co señor Whitaker. E iría aínda moito máis lonxe. Porque o uso dos psicotrópicos está facendo máis dano que ben. Os antipsicóticos, por exemplo, son algúns dos medicamentos máis tóxicos que existen. Producen dano cerebral permanente e fan máis difícil que a xente volva vivir unha vida plena. En realidade, non necesitamos fármacos antipsicóticos, porque non curan as psicoses”.

 

Señor Leader, cando queira:

“A industria farmacéutica non só crea enfermidades e pacientes senón que crea tamén modas. Igual que a ansiedade foi a enfermidade da posguerra e a depresión a dos oitenta e os noventa, a época actual é a do trastorno bipolar, que agora está de moda, e máis que unha enfermidade, é unha forma de ser”.

 

Señor Fraile, cando queira:

“É evidente que o uso dos fármacos en psiquiatría, como en calquera outra disciplina médica, aumentou moito nos últimos tempos. Pero é igual de evidente que os psicofármacos serviron para dignificar a vida dos pacientes con trastornos mentais graves, como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar, que non son formas de ser nin inventos da industria farmacéutica senón enfermidades reais que fan sufrir moito ás persoas que as padecen e ás que se relacionan con elas. A relación entre os antipsicóticos e a desinstitucionalización dos enfermos mentais graves en EE UU é innegábel. Non hai máis que comparar as cifras de 1955 coas de 1994, por exemplo. E dende entón, afortunadamente, a psiquiatría continúa coa súa medicalización. O enfermo psiquiátrico empezou a ser tratado coma o resto dos enfermos e tomou conciencia da súa dignidade e dos seus dereitos. Aberracións aparte, como dicir que a enfermidade mental non é unha enfermidade cerebral, o certo é que este tipo de patoloxías non se poden tratar con palmadiñas no ombro, e que os psicofármacos permitiron e permiten o desenvolvemento de terapias non coercitivas, destinadas a aliviar o sufrimento e os déficits sociais dos enfermos así como controlar os síntomas máis disxuntivos. Temos o dubidoso honor de ser a única especialidade médica cun movemento anti que cuestiona a validez científica da nosa disciplina. Intervencións como as anteriores contribúen á estigmatización da psiquiatría e a exclusión de moitos enfermos”.

 

Señor Tizón, cando queira:

“Eu estou bastante máis de acordo con esta última intervención que coas anteriores. Dende a miña condición de enfermo mental, pois padezo un trastorno bipolar, parécenme perigosas algunhas teorías terapéuticas que critican os tratamentos farmacolóxicos cos argumentos –facilmente rebatíbeis, por outra parte− de que non curan, producen efectos terríbeis ou que se abusa deles. Porque hai pacientes que utilizan estes pretextos para non tomar a medicación que necesitan. Sempre que variei ou deixei de tomar as doses exactas dos medicamentos estipulados polo meu psiquiatra, un home honesto e competente, acabei sufrindo –máis cedo ca tarde− un desequilibrio emocional de maior ou menor gravidade que, ás veces, derivaron en verdadeiras crises psicóticas que motivaron, incluso, a miña hospitalización. Todo ese debate sobre os efectos perniciosos da medicación, paréceme un debate infrutuoso e xa superado. É tan inútil como cuestionarse a bondade ou a maldade, os efectos positivos ou negativos, das novas tecnoloxías, por poñer un exemplo de moda, ou dunha simple cadeira, por poñer o exemplo que sempre pon un amigo meu, porque unha simple cadeira pode servir para sentarse pero tamén para romperlle a alguén a cabeza. A estas alturas, teño claro que a medicación non é boa nin é mala, depende do uso que se lle dea, de que as doses sexan as correctas e da necesidade ou non de tomala. Tardei moito tempo en concienciarme de que a miña enfermidade, como outras tantas, é crónica, ten unha base xenética máis que ambiental e, polo tanto, necesita un tratamento farmacolóxico; no meu caso, quizais de por vida, por moito que se complemente con outro tipo de terapias. O ideal sería que pacientes e especialistas decidisen en común ese tratamento, que debe ser o máis aberto e integrador posíbel e o máis axeitado para cada tipo de trastorno e para cada persoa que o padece. E acabo con dúas ou tres frases un tanto literarias, en maiúsculas, subliñadas e con tipografía de elefante; máis que nada, por poñer algo de poesía despois de tanta prosa non poética:

 

CON FÁRMACOS, OS ENFERMOS MENTAIS

PODEMOS RECOÑECERNOS AO OUTRO LADO DO ESPELLO;

SEN FÁRMACOS, ESTARÍAMOS CONDENADOS

A ENTRAR E SAÍR DOS MANICOMIOS

SEN POSIBILIDADE NINGUNHA DE IDENTIFICARNOS

CANDO NOS MIRAMOS AO ESPELLO;

ENTRE OUTRAS COUSAS, PORQUE...

NON HAI

ESPELLOS NOS

MANICOMIOS.

OUTROS POEMAS

cloud_download Descargar Poema: A antesala luminosa
cloud_download Descargar Poema: A escritura como terapia
cloud_download Descargar Poema: A loucura o primeiro contacto práctico coa morte
cloud_download Descargar Poema: Ao outo lado deste espello
cloud_download Descargar Poema: Romance do neno tolo
cloud_download Descargar Poema: Romancillo bipolar ou son coma ti ainda que non o saibas




POEMA: A ANTESALA LUMINOSA

 

A antesala luminosa

se te sube ata o celeste

cando chegue a túa hora,

non será porque o mereces?

 

A antesala luminosa

que no tempo non perdura.

Se ti non regas a rosa

múrchaseche ata a máis pura.

 

A antesala luminosa

que o pasado che ilumina.

Se non responde a memoria

o pasado se imaxina.

 

A antesala luminosa

que che proxecta o futuro.

Se quedara algunha cousa

por facer no noso mundo.

 

A antesala luminosa

que aclarea e que escurece,

ás veces na vida antollas

esa morte que repeles.

 

A antesala luminosa

crúzaa se che parece,

chegarás ata unha sombra

que xamais desaparece.

 

A antesala luminosa

que te culpa e que te absolve.

Ao final da vida toda

saberás por que se morre.

 

A antesala luminosa

que xa verás algún día.

E non podes ir agora

onde mañá si que irías.

 

A antesala luminosa

que te busca dende sempre.

A loucura atopa a forma

no fondo da túa mente.

 

A antesala luminosa

que te sube e que te baixa,

depresión despois da euforia,

verborrea que se acala.

 

A antesala luminosa

é unha luz intermitente,

que te enfoca e desenfoca,

que te apaga e que te acende.

 

A antesala luminosa

se te baixa ata os infernos

cando chegue a túa hora,

como pasarás o tempo?




POEMA: A ESCRITURA COMO TERAPIA

 

I

 

Escribo como terapia,

para combater a loucura;

en vez de antipsicóticos,

en vez de antidepresivos,

tomo antiepilépticos

e se me dá por escribir.

 

Escribo como terapia,

por prescrición facultativa;

necesito mil miligramos

de ácido valproico

e outro tratamento

que consiste en escribir.

 

Escribo como terapia,

cada día, cada noite;

para inquietarme, para sosegarme,

para desequilibrarme, para equilibrarme,

para desvelarme, para adormecerme,

teño que escribir.

 

Escribo como terapia,

como ditado da alma,

para evadir o espírito,

porque mo pide o corpo,

por iso practico

o exercicio de escribir.

 

Escribo como terapia,

con distintos obxectivos;

ás veces, para divertir;

tamén, para conmover, facer reflexionar;

no fondo, non son máis

que formas de escribir.

 

Escribo como terapia,

para min e para ti,

como unha necesidade,

tan íntima como social;

concibo como unha obriga

o dereito de escribir.

 

Escribo como terapia,

para non ir a terapeutas,

que escoitan en silencio

sen dicir unha palabra

mentres nun caderno de peto

non deixan de escribir.

 

Escribo como terapia,

con máis preguntas que respostas.

Que facer coa loucura?

Que facer coa existencia?

Para entender, hai que ler.

Para ler, hai que escribir.

 

Escribo como terapia,

e como indagación,

escribo do que ignoro

e quero descifrar,

escribo do que sei

e sei de que escribir.

 

Escribo como terapia,

como tratamento que non cura,

que non dá a felicidade,

que non desvela o misterio,

esa busca tan semellante

ao proceso de escribir.

 

Escribo como terapia,

sobre o mundo meu e os alleos;

ás veces, estou maníaco;

ás veces, depresivo;

estaría sempre tolo

se me prohiben escribir.

 

II

 

Andou sempre a loucura

asexándome a mirada

porque sempre vin a vida

como un trato con palabras,

palabras que xa existían,

palabras que transformaba

en ritmos que enlouquecían,

en rimas que saneaban.

Ía facendo poemas

coa miña guerra diaria,

historias fóra da Historia

a soas me imaxinaba,

sacando vitorias leves

das derrotas da miña alma,

secando sobre o papel

o sangue que me empapaba.

 

Pero caín na loucura

porque perdín a esperanza,

perdín a paz, perdín o don

de tratar coas palabras.

Xoguei a ser deus verdadeiro,

a crear todo do nada,

e fixen pactos co demo

cada fin de temporada,

perdín a paz interior

na guerra contra a miña alma,

perdín o don da elocuencia,

de comunicar a ansia,

a facultade da escoita,

a facultade da fala,

cheguei a verme condenado

a vivir sen esperanza.

 

Ata que un día a loucura

se me borrou da mirada,

e de novo vin a vida

como un trato con palabras,

palabras que xa existían,

palabras recuperadas,

os ritmos que enlouquecían

as rimas que saneaban.

E sigo a facer poemas

coa miña guerra diaria,

e agora sei que seguirei

co pánico sempre na alma,

co medo sempre á loucura

que aniquila as esperanzas.

Sei que todo se supera,

que a condena non te mata.

Sei que vivo condenado

a tratar coas palabras!

 

III

 

Sempre escribo da vida e das súas antesalas,

que para min son tres: o amor, a morte e a loucura.

Cada unha ten de luminosa o que ten de escura.

Pódese debater se son boas ou son malas,

 

inda que sería mellor primeiro esmiuzalas.

Parece que o amor é a única que se procura,

  na busca da paixón ou na busca da tenrura,

hai quen o busca ao voo, quen o busca sen alas.

 

Existe o amor, si, pero tamén o desamor,

avatares do destino ou só cuestión de porte,

porque todo pode ir ben ou de mal en peor.

 

E a loucura non é máis ca unha especie de morte,

unha viaxe atroz, unha odisea pola dor,

da que se pode volver, si, pero non máis forte.

 

 

Se inda sendo ti meu amor doutra me namorase...

Tómao ti con calma que xa estou eu delirando.

Quéroa porque é sabia, quéroa porque, ollando,

embriágache a mirada como se te embruxase.

 

E faime de compañeira, de psiquiatra case,

cada vez que me atopa a soas alucinando...

Para curarme a min, que a estiven trastornando,

estudou psiquiatría e logrou que mellorase

 

grazas aos seus consellos, súa sabedoría.

E dela namoreime tamén pola dozura,

xa sei que non debese e iso que non quería...

 

Ao inferno de novo, de novo volve a loucura.

Agora era a euforia, non a melancolía;

por ela que remate, por min como se dura...

 

 

Camiñaba a soas buscando as miñas amigas...

A todas e a cada unha, a todas as buscaba,

e por moito que as buscase, nunca as atopaba.

E ningunha comigo facía boas migas.

 

Mulleres fermosas, exército de formigas,

e sempre as perseguía, sempre me namoraba.

Perseguía as demais cando unha me rexeitaba

e todas me dicían: a min non me persigas.

 

Ata ás descoñecidas tamén eu perseguía...

Que altas, que risoñas, que fermosas todas elas...

Brotes da psicose, desmesuras da manía...

 

E todas namoradas, todas para min belas.

A todas as miraba, a todas as quería.

E todas aos meus ollos espidas e doncelas.

 

 

Ata que chegaches ti, amor meu, o verdadeiro.

Por ti fago sonetos, tentando ser xenial.

Pero o meu é o romance, poética ideal.

Con romances e sonetos ensancho o teu vieiro.

 

Porque ti xa es, por fin, un amor non pasaxeiro.

A pantera permanente, a muller pasional.

Estás máis aló do ben, por enriba do mal.

Meu amor definitivo, nin cuarto nin terceiro.

 

Déchesme o primeiro bico unha tarde de inverno.

Xusto catro anos despois eu caín na loucura.

Inda che levou tempo sacarme dese inferno.

 

Xa dicían algúns que aquilo non tiña cura.

Porque estaba máis morto que don Enrique Tierno.

Pero ao final vin a luz na noite máis escura.

 

 

Encabalgo outro soneto entre tantos romances.

Son moitos romances para tan poucos sonetos.

Son moitas as batallas e non poucos os retos,

moitos os retrocesos e poucos os avances,

 

moitas as aventuras e non menos os lances.

Aquí están meus pensares, meus sentires completos,

a miña vida toda, sen censuras nin vetos,

unha mesma carreira con distintos alcances.

 

Son moitas odiseas que por min atravesan,

odiseas polo amor, a loucura e a morte,

percorridos escabrosos que a min xa me pesan,

 

porque os ando con pesadume, ás veces sen norte,

pero son eses os temas que a min me interesan,

escribo pola desgraza que me tocou en sorte.




POEMA: A LOUCURA: O PRIMEIRO CONTACTO PRÁCTICO COA MORTE

 

I

 

En setembro do noventa e nove,

tiven un accidente mortal do que me quedou a vida como secuela.

Recordo que era eu quen conducía e que a miña filla durmía

nos brazos da súa nai no asento de atrás.

Chovía con suavidade

sobre o asfalto xa mollado da autoestrada

cando, de súpeto, como consecuencia da fase hipomaníaca

na que entón me atopaba, sufrín un subidón de adrenalina

que me levou a invadir, de maneira permanente,

o carril esquerdo.

Ata que un coche se me cruzou

para adiantar un camión

e freei a fondo sobre o asfalto escorregadizo

pola choiva miúda.

Foi pisar o freo

e perder por completo o control do vehículo,

que chocou contra os protectores laterais,

contra a mediana, deu media volta de campá

e quedou esnaquizado coas rodas mirando cara ao ceo.

Perdín tamén o control da mente,

que voou por espazos descoñecidos durante uns segundos,

que a min me pareceron horas, días, anos enteiros...

Porque, como nun relampo,

vin desfilar a miña vida toda nun intre de nada,

a miña vida, a da miña compañeira e a da miña filla,

tres vidas en perigo de morte, cuestión de segundos.

Pero non podiamos morrer así.

Por iso, invoquei a Deus e ao Demo á vez,

estaba disposto a venderlle a alma a calquera

con tal de salvar a nosa vida.

Ao final, foi o Demo quen se fixo cargo

da negociación.

Pedía un sacrificio humano

a cambio das tres vidas,

calquera que se prestase lle valía.

Pero ninguén se prestaba ao sacrificio.

Todos pechaban os ollos

ou lle desviaban a mirada á morte,

porque lle tiñan medo, verdadeiro pánico.

Entón cambiaron os termos

da negociación co Demo,

que agora me preguntaba

se estaba disposto a venderlle a miña alma

a cambio da salvación das outras dúas.

Dixen que si.

Díxenlle que si ao Demo,

a berros,

uns berros que se fosen reais

terían que oírse en moitos quilómetros ao redor.

Pero tan só eu oía os meus berros,

cada vez máis altos, máis fortes, máis desgarrados.

Berreille que si ao Demo.

Porque era a maneira máis rápida

de aprazar aquela tortura,

aquelas mortes prematuras,

absurdas, dolorosas, terríbeis.

Estaba xa negociando co Demo

o prezo definitivo das nosas vidas, das nosas almas,

cando, de súpeto, naquela agonía,

vin aparecer unha muller

que se achegaba cunha cara moi seria.

 Quen sería aquela muller,

que se achegaba cunha cara tan seria,

disposta ao sacrificio,

que me dicía a min que espertase,

que lle dicía ao Demo que se afastase,

que lle dicía á miña filla “tranquila, nena, tranquila”,

mentres a nena choraba chea de vida,

choraba, choraba e choraba?

  

II

 

Unha tarde de setembro

co destino inda moi lonxe,

cando chovía miudiño,

miroume sen verme a morte.

Foi saíndo da Coruña

ao voante do meu coche.

Sen mirar tamén se ve,

sen morrer tamén se morre,

sen vivir tamén se vive,

sempre escampa cando chove.

 

Vin a Deus e vin o Demo

que preguntan e responden.

Comprendín que non salva Deus

nin o Demo te corrompe,

que salvarte ou condenarte

non é cuestión só de sorte.

Eu salveime de milagre

pero inda vexo a morte hoxe,

cando morre cada tarde

no máis profundo da noite.

 

III

 

Tan fácil como difícil

é vivir como morrer,

porque vimos e marchamos

non se sabe para que.

 

Tan fácil como difícil

é mirar como non ver,

porque pode un día a noite

xa xamais amañecer.

 

Tan fácil como difícil

é gañar como perder,

porque poden derrotarte

loitando moito tamén.

 

Tan fácil como difícil

sentir dor como pracer,

porque tamén é posíbel

os dous sentires á vez.

 

Tan fácil como difícil

éche ser como non ser,

porque sempre é milagroso

ese tránsito facer.

 

IV

 

Oín ás veces dicir

que a vida pasa de présa.

Tamén ás veces oín

que a vida pasa moi lenta.

Asusta a vida que pasa,

asusta a vida que queda.

Asusta o tempo sombrío

que ás veces tamén alegra.

Asustan as alegrías

que veñen a duras penas.

Asusta caer de súpeto

nunha absoluta tristeza.

 

Oín ás veces dicir

que a vida non é complexa.

Que nos complican a vida

filósofos e poetas,

que só hai que vivir a vida

ata que a morte apareza,

e logo uns rezos sinxelos

e que sexa o que Deus queira.

Tamén ás veces oín

que hai quen soña cando esperta,

xente que busca verdades

que atopa nalgúns poemas.

 

V

 

A xente que vin morrer

aínda a vexo viva agora.

Impresiona moito a vida,

a morte máis impresiona.

 

Meu avó foise nunha tarde

que morría moi fermosa,

sentado ao pé da lareira,

con case a familia toda.

 

A avoa foise de noite

sentada na súa alcoba,

despois de vivir a vida,

cando lle chegou a súa hora.

 

Meu pai foise algo a destempo

con moi mal sabor de boca,

pedindo perdón á esposa,

que ao seu lado lle perdoa.

 

Miña nai foise calada

porque xa ninguén a escoita.

Miña nai, cando morreu,

levaba xa días morta.

 

VI

 

Eu quero morrer un día,

eu quero morrer con calma,

como morreu miña avoa,

sentado na miña cama,

despois de vivir a vida,

porque me dá a min a gana,

e morrer con dignidade,

sen apartar a mirada

da morte que se me achega,

da morte que xa me chama.

 

Eu quero morrer sereno,

de présa e con moita calma,

a soas comigo mesmo

se a xente non me acompaña,

con todo xa rematado,

sen deixar pendente nada.

Só quero levar comigo

un puñado de palabras,

que manteñan no silencio

algún tipo de esperanza.




POEMA AO OUTRO LADO DESTE ESPELLO

 

Ao outro lado deste espello / a cara que ves non é unha;

podes ver máis de mil caras / e ves polo menos dúas;

pese a tanta claridade / as imaxes vense escuras;

sobre todo, cando a morte / pola mente deambula...

 

Ao outro lado deste espello / a vida semella impura;

contemplas o precipicio / no que consiste a loucura,

explotas en gargalladas / onde as penas non se ocultan,

practicas a verborrea / ou deixas a boca muda....

 

Que facer coas palabras / cando brotan todas xuntas,

cando calan para sempre, / cando non acalan nunca?

Que facer coa existencia / cando se volve tan dura,

escurece o firmamento / e xa non disipa a bruma?

Que facer coa alegría / que se transforma en tristura?

Que facer coa manía, / coa depresión profunda?

Que facer co precipicio / para que nel non sucumbas?

 Que facer coa existencia? / Que facer coa loucura?

 

Por sempre que nos respondan / nunca acaban as preguntas...

Hai respostas que atopamos / só nas nosas propias tumbas.

 

Ao outro lado deste espello / os terrores se acumulan.

Podes ver máis de mil caras / e non podes ver a túa.

Pese a tanta claridade / as imaxes vense escuras.

A loucura maila morte / tralo espello deambulan.




POEMA: ROMANCE DO NENO TOLO

(Unha visión romántica da loucura, cando o poeta pensaba que era marabillosa, que os tolos eran os outros)

De neno, dende moi neno,

xa me chamaban o tolo.

Son un neno diferente.

Eu non son igual que todos.

Cando paso van dicindo

neno tolo, neno tolo.

Camiño sempre moi lento

con cantos que levo ó lombo,

uns cantos ben entoados

que ás veces se volven contos.

Gústame pisar o ceo,

gústame pisar o lodo.

Cando vou pisando o ceo

a terra me parece ouro,

e o ceo o vexo dourado

cando vou pisando o lodo.

Gústame mirar o mar

e gústame ver os arroios,

xogar cos peixes no río

entre a auga que sae a chorros.

De noite, sobre dos campos,

durmo debaixo dos olmos,

e falo coas estrelas,

fálolles de case todo.

Cabalgo baixo da lúa

montado sobre dos poldros.

No silencio do arredor

vánseme pechando os ollos.

Cos meus ollos xa pechados

teño soños moi fermosos.

Soño que os seres humanos,

sexan negros, sexan roxos,

sexan ricos, sexan pobres,

fomos, seremos e somos

felices e desgraciados,

malvados e bondadosos.

Pero a min despois do sono

non me pasa como a todos.

Porque eu sigo vendo esperto

o mesmo que vexo en soños.

E é por iso que me chaman

neno tolo, neno tolo.

Ai, neniños da cordura,

os tolos sodes vosoutros.




ROMANCIÑO BIPOLAR

OU SON COMA TI AÍNDA QUE NON O SAIBAS*

(Romanciño para o Día Mundial da Saúde Mental)

FACER ROMANCIÑOS

É UN GUSTO QUE TEÑO

E GÚSTANME TANTO

POR SER TAN PEQUENOS

O FONDO ENTREVISTO

E A FORMA DE VELO

 

ÁS VECES ESCRIBO

DO ANTIGO TORMENTO

E CANDO RECITO

ACABO CO MEDO

RECITO CON MIMO

RECITO MOI LENTO

XA SEXA DE NOITE

XA SEXA MOI CEDO

 

REGRESAN DE NOVO

RECORDOS XA VELLOS

DESA ENFERMIDADE

QUE COMIGO LEVO

DENDE QUE BROTOU

COMO ALGO XENÉTICO

TAMÉN CONSECUENCIA

DO AMBIENTE TAN NEGRO

 

TRASTORNO MENTAL

BIPOLAR ETERNO

HAI COUSAS QUE DURAN

COMA O FIRMAMENTO

QUE VEÑEN E VAN

COMO VÉN O VENTO

COMO SE VAI O SOL

MÁIS ALÁ DO CEO

 

PASEINO MOI MAL

BAIXEI ATA O INFERNO

E FUN DE ODISEA

DE MÉDICO EN MÉDICO

VISITEI PSIQUIATRAS

SEN PALIAR O TEDIO

NIN A DEPRESIÓN

QUE ESTABA TAN DENTRO

E TAMÉN A EUFORIA

LEVEI DE PASEO

CRÉNDOME DAQUELA

QUE ERA DON PERFECTO

TODO UN SUPERHOME

MAXESTOSO E BELO

FACENDO BARBARIES

QUE AÍNDA NON CREO

 

ATA QUE DE SÚPETO

SAÍN DESE INFERNO

A BASE DE AMOR

DUN BO TRATAMENTO

SEI QUE NECESITO

OS MEDICAMENTOS

UN RITMO DE VIDA

TRANQUILO E SERENO

TAMÉN NECESITO

NOVELAS SONETOS

ROMANCES ALEGRES

ROMANCIÑOS TÉTRICOS

 

XA SEI QUE TI PENSAS

DISTINTO AO QUE EU PENSO

PERO HAI QUEN NON VE

O QUE VE ATA UN CEGO

 

EU SON COMA TI

E SOMOS O MESMO

PERSOAS NO ESPAZO

AO ARBITRO DO TEMPO

 

EU SON COMA TI

TAN SAN COMO ENFERMO

SE INDA NON O SABES

TERÁS QUE APRENDELO

 

*Este poema foi lido polo seu autor, Antonio Tizón, que padece un Trastorno Bipolar, o domingo, 9 de outubro de 2016, na Praza dos Irmáns García Naveira, de Betanzos, trala andaina solidaria e benéfica de oito quilómetros organizada por APEM (ASOCIACIÓN PRO ENFERMOS MENTAIS) con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental.

MENÚ