608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

'NON HAI ESPELLOS NOS MANICOMIOS', UNHA HISTORIA DE SUPERACIÓN'

Non hai espellos nos manicomios é unha obra multimedia arredor da historia de superación persoal do escritor Antonio Tizón, diagnosticado cun trastorno bipolar. A parte audiovisual ten na dirección a Aser Álvarez (Arraianos Producións) e a música orixinal foi realizada por Miro Casabella.

O produto multimedia Non hai espellos nos manicomios acaba de publicarse na rede. Vídeo, fotografía, poesía e música unen forzas para narrar unha historia de superación persoal que ten ao escritor Antonio Tizón como protagonista, quen ten diagnosticado un trastorno bipolar. O audiovisual foi dirixido por Aser Álvarez (Arraianos Producións), con banda sonora orixinal de Miro Casabella.

A iniciativa xurdiu para dar saída a unha idea persoal de Tizón: "Xa levo varios anos con este proxecto, que é máis ambicioso". A obra completa pasa por un conxunto de cinco novelas, das que xa foron publicadas dúas en Xerais: A antesala luminosa e Un home estraño. A seguinte verá a luz o ano que vén. "Aspiro a facer un proxecto completo, que teña unha dimensión social e artística", pois como afirma o escritor a Nós Diario, a literatura "non ten por que ser útil, pero se o é, moito mellor".

Proxecto en expansión

Nun comezo, a iniciativa ía ser un poemario con CD e música, acompañado dunha longametraxe de ficción. Porén, as restricións temporais, que condicionaron a realización a mes e medio, obrigaron a facer un libro máis sintético e transformaron o filme nun documental autobiográfico de 18 minutos. Un relato en primeira persoa, "desde a honestidade e moi artesanal", comenta Álvarez. A escolla deste formato, segundo explica, foi que o tema "se presta a unha achega multidispciplinar, na que cada medio aporta unha dimensión distinta".

"Xa levo varios anos con este proxecto, que é máis ambicioso", comenta Antonio Tizón.

Para alén de se enmarcar nunha folla de ruta máis ampla para Tizón, Non hai espellos nos manicomios seguirá "alimentándose e medrando", sinala Álvarez. Quedan aínda pendentes por colgar na rede algúns materiais extras que non entraron no documental. Ademais, a idea tamén inclúe realizar unha peza máis longa e que sexa propiamente transmedia.

"O tema préstase a unha achega multidispciplinar, na que cada medio aporta unha dimensión distinta", afirma Aser Álvarez.

Historia de superación

Álvarez considera fundamental contar esta historia para concienciar a sociedade en xeral e para que as persoas que padecen algunha enfermidade mental teñan "ese espello que non existe nos manicomios". A vida de Tizón convértese de tal xeito nun referente de como vivir con ese "problema que non ten cura", advirte Álvarez, un reflexo que demostra que "se pode ter unha vida plena". Ese é o obxectivo de Tizón, que manifesta expresamente do seu relato que "o termo superación non equivale a curación, senón que ten máis que ver coa normalización e a integración".

Fonte: Sermosgaliza.gal

MENÚ