608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

A Deputación da Coruña apoia o proxecto "Non hai espellos nos manicomios" para eliminar estigmas das enfermidades mentais

Audiovisual, poesía e música compoñen a iniciativa que ve a luz na conmemoración do Día da Saúde Mental o 10 de outubro

Aser Álvarez dirixe o proxecto protagonizado polo xornalista e escritor Antonio Tizón que foi financiado a través da liña de proxectos singulares da área de Cultura da Deputación da Coruña

A Coruña, 8 de outubro de 2020.- "Non hai espellos no manicomio", é un proxecto multimedia sobre saúde mental que relata a historia dunha superación, a do xornalista e escritor Antonio Tizón. Audiovisual, música, poesía e fotografía forman parte desta iniciativa, dirixida por Aser Álvarez, que busca contribuír á eliminar o estigma das enfermidades mentais e que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

O responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, xunto co protagonista António Tizón e o director Aser Álvarez, participaron na presentación na Deputación da Coruña do proxecto "Non hai espellos no manicomio", a historia da superación do escritor e xornalista relatada con imaxes, música e poesía e que se fai pública arredor da conmemoración o vindeiro 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental.

"Cando desde a Deputación da Coruña botamos a andar a convocatoria de proxectos singulares, na nosa vontade estaba apoiar iniciativas que nacen dentro do ámbito cultural e que teñen especial repercusión na nosa sociedade e, certamente, non se nos ocorre maior singularidade e interese que este que hoxe presentamos que é unha ferramenta indiscutíbel para loitar contra os estigmas da enfermidade mental", sinalou na presentación o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

"Tampouco se nos ocorre mellor maneira de conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental que presentando este proxecto que ten como un dos obxectivos visibilizar e reflexionar sobre as enfermidades mentais, a necesidade de recursos apropiados, a integración social das persoas que a padecen e a posibilidade de curación, fronte aos estigmas que todo o mundo coñece", explicou Xurxo Couto que parabenizou a Aser Álvarez polo proxecto e a Antonio Tizón pola "xenerosidade" de facernos partícipes da súa historia de superación.

Aproveitou Xurxo Couto a súa intervención para reivindicar  a integración, eliminar os prexuízos e demandar máis recursos da sanidade pública para atender ás persoas que tanto o necesitan e que son máis nas circunstancias que estamos a vivir".

O protagonista, Antonio Tizón, explicou que o proxecto forma parte doutro máis ambicioso composto de cinco novelas das que tres están xa publicadas, mais agora preséntase en formato transmedia no que se seguirán incorporando distintos materiais. "A enfermidade mental non ten cura pero ten tratamentos eficaces e a min interésame destacar a esperanza, a posibilidade de recuperación, que por moi mal que se atope un pode superar a situación, esa é a miña mensaxe fundamental", explicou na súa intervención o escritor e xornalista que conta como supera na súa vida o transtorno bipolar.

A arte para entender as enfermidades mentais

Trátase, en definitiva, dunha "visión autobiográfica da loucura no que a decisión máis difícil foi contar a propia experiencia", dixo Antonio Tizón que quere desta maneira "romper a vergonza que a moita xente lle produce a enfermidade mental e contar todo con pelos e sinais, desnudarme ante os demais porque a literatura, a arte, pode facer reflexionar e ser útil para a xente". Sabe Antonio Tizón que arredor das enfermidades mentais pesa o grande descoñecemento que provoca prexuízos e tamén unha visión romántica que tampouco comparte e, coa súa obra quere que "o transtorno bipolar se entenda e cunha obra literaria pode explicarse mellor que cun manual de psiquiatría".

Pola súa parte, o director do proxecto, Aser Álvarez, agradeceu a xenerosidade de Antonio Tizón por terlle ofrecido a idea de contar a súa historia que, ao seu ver, é un "canto á esperanza e unha historia de superación" no que definiu como un "traballo artístico e pioneiro porque hai moi poucos proxectos realizados sobre saúde mental".

Con "Non hai espellos no manicomio" quere "sensibilizar e normalizar unha problemática cada vez máis presente mais non por iso menos ligada a prexuízos e tabús". Para o director "o máis sorprendente é que nun audiovisual unha persoa se abra en canal cunha honestidade brutal como o fai Tizón e conte a súa historia en primeira persoa, sen eufemismos mais non como unha historia triste senón de superación", o que fai que o proxecto sexa "importante para outras persoas que están nesta situación e tamén para que a sociedade se conciencia á hora de debullar prexuízos e ideas preconcibidas de saúde mental".

O  proxecto multimedia sobre saúde mental de Arraianos Producións está financiado a través da convocatoria de subvencións de proxectos singulares da Deputación da Coruña, e foi deseñado e realizado cunha dobre finalidade: cultural e artística, pois é un traballo creativo onde se mesturan poesía, vídeo, documental, música, pintura e fotografía, e unha dimensión social vinculada co ámbito da integración social da enfermidade mental e o proceso de superación, pois o protagonista, Antonio Tizón, padece un trastorno bipolar, unha enfermidade mental coa que convive dende hai décadas, nunha historia que conta en primeira persoa e que destrúe moitos prexuízos arredor da saúde mental.

Un libro cun documental autobiográfico de 18 minutos compoñen o proxecto que relata en primeira persoa a historia de superación de Antonio Tizón e que conta, ademais de co equipo dirixido por Aser Álvarez, coa banda sonora de Miro Casavella, a colaboración do poeta Baldo Ramos e a fotógrafa Mari Quinteiro.

ANTONIO TIZÓN (Aranga, A Coruña, 1960)

Antonio Tizón é periodista, licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense, e traballou durante máis de vinte anos como xornalista e profesor de diversas materias nas Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña, ata que lle concederon unha incapacidade permanente debido ao trastorno bipolar que padece. Ten editados (1996) un libro de relatos, In medias res, e o poemario Ritmos. En 2015 iniciou con A antesala luminosa (Xerais) unha serie de novelas que serán publicadas nesa mesma editorial durante os próximos anos, cinco obras que teñen como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en clave de falso xénero negro, pretenden abordar, dende distintas perspectivas, o tema central da enfermidade mental. Despois da edición da segunda entrega desta saga, Un home estraño (Xerais, marzo de 2018), Premio Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira”, entre a terceira e a cuarta entregas, Os incurábeis e Cal lobos doentes, respectivamente, está prevista a publicación de Dende o medio de San Epitafio, un libro de dezasete relatos que pode lerse como unha obra independente pero tamén como complemento de lectura das cinco novelas que conforman a serie Sánchez Pereiro, porque afonda nalgunha das súas tramas e personaxes. Tizón a miúdo escribe poesía, que acumula en volumes inéditos. Entre os xa rematados, nestes momentos está a preparar, con vistas á súa futura edición, ademais de Non hai espellos nos manicomios, os libros+CD Coplas analfabetas e A nena que manexa os ventos, e os cincuenta poemas (25 sonetos+25 romances) de Odiseas polo amor, a loucura e a morte.

Gabinete de prensa

Deputación da Coruña

 

Cinephilia 08 01 20

«Non hai espellos nos manicomios», a volta dunha viaxe alén da loucura

Mediante a combinación da poesía, as imaxes e a música do proxecto audiovisual, o escritor Antonio Tizón relata o seu trastorno bipolar

«Coñezo que significa / pasar as noites en branco / á espera de que amañeza / un insomnio inda máis largo. / Coñezo que significa / o esforzo de ir ata o baño,

aclarar cada mañá / o cabelo enxaboado, / na parede sen espellos / ver o rostro sen miralo. /Coñezo que significa / un tempo petrificado, / sufrir o paso das horas / cando non cambian de paso». É un dos poemas de Antonio Tizón (Aranga, 1960), protagonista de Non hai espellos nos manicomios. «Trátase dun proxecto que naceu e medrou sempre cunha dobre finalidade artística e social, pois é un traballo eminentemente creativo onde se mesturan disciplinas relacionadas coa poesía, o vídeo, a pintura, a fotografía e a música pero cunha temática catalizadora: a enfermidade mental», explica este xornalista e escritor que estivo ingresado nun manicomio.

A súa parella, Mari Quinteiro, lembra que foi na Semana Santa de 1982 cando Tizón «falaba cousas absurdas, incoherentes, non lle entendía nada. Pasaba o día diante do espello e falaba de Zaratustra de Nietzsche». Licenciado en Ciencias da Información pola Complutense de Madrid, Tizón estaba no cuarto curso cando sufriu este proceso.

«Perdín contacto coa realidade. Deixei de recoñecerme no espello. Despois de 34 meses saín do pozo negro, a loucura foise como veu, sen lóxica ningunha», conta o escritor no documental que forma parte deste proxecto. Está dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, con banda sonora orixinal de Miro Casabella, e trata «a enfermidade mental dende outro punto de vista», di o realizador. En lugares nos que se move a diario, Tizón vai narrando «a biografía dunha superación», que é o título do poemario que acompaña este traballo. Esa saída adiante, «que non curación», está «pragada de caídas, recaídas e superación, a última durante este mesmo proxecto», conta o autor de novelas como A antesala luminosa e Un home estraño, publicadas en Xerais.

Narrativa que dá luz a doenza

Manuel Bragado, que foi o seu editor, testemuña: «A característica da obra de Antonio Tizón é que constitúe unha aposta única e singular na narrativa galega de xénero utilizada cunha intención inequivocamente social e política para visibilizar a doenza mental na sociedade. Pero tamén con un carácter mesmo terapéutico, de educación cívica e social, na medida na que todas as súas obras focalizan o interese arredor deste tema que, ata este momento, non fora abordado na narrativa galega e, probablemente, fora ocultado ou agochado na propia sociedade».

Ademais de apuntar que aínda está sen descubrir a poética de Tizón, Bragado cualifícao de narrador valente por «amosar a súa propia experiencia. Os textos están nesa liña tan rabiosamente actual e moderna da autoficción, unha novidade da segunda década do século XXI».

Á saída do manicomio, acabou a carreira [o quinto curso foi o das mellores notas] e traballou durante máis de vinte anos como xornalista e tamén de profesor de diversas materias nas escolas de arte e deseño de Ourense, Santiago e A Coruña. Foi ata que lle deron a incapacidade permanente por un trastorno bipolar. A psiquiatra Concepción Balbas explica que Tizón é o seu paciente e «sempre tivo conciencia da súa enfermidade». Ela salienta os «períodos expansivos nos que lle aumentou moito o fenómeno creativo, de escribir, de traballar, de estar moi ben».

Ese estado de euforia do trastorno bipolar é cantado por Miro Casabella, cunha letra que logo vai recitando Tizón: «Euforia, maldita euforia, que comeza como acaba. Pensas que es un súper home que lideras a manada e logo veste soliño na calamidade humana, na indefensa absoluta, a total desesperanza. Euforia, maldita euforia, que te leva e que te arrastra, dende o ceo ata o inferno, todo na mesma xornada...».

O seu amigo Benito conta como «Antonio sobreviviu a unha viaxe alén da cordura. Regresou non sen feridas. Quen experimenta a mordida da loucura, a loucura lévase parte del».

Fonte: lavozdegalicia.es

Proxecto NHENM no TX de TVE Galicia

ENTREVISTA NA RADIO GALEGA:
A historia de superación de Antonio Tizón nun proxecto multimedia.

'Non hai espellos nos manicomios' é unha obra multimedia sobre a historia de superación persoal de Antonio Tizón. O escritor foi diagnosticado cun trastorno bipolar.
A parte audiovisual ten na dirección a Aser Álvarez, de Arraianos Producións, con quen conversamos.
Ademais, o protagonista contounos a súa vivencia persoal.

link Acceder á Entrevista

MENÚ