PRÓLOGO
BIOGRAFÍA DUNHA SUPERACIÓN
Nacín o 2 de xullo de 1960 en Congostro, unha aldea de dúas casas do concello de Aranga, comarca de Betanzos, provincia da Coruña, onde emigrei cos meus familiares cando apenas tiña catro anos. Nunca fun de campo, como foron e son todos os membros da miña familia. Eu son de cidade, un auténtico urbanita. Gústanme as cidades, pequenas, grandes e medianas, porque teñen todo o que a min me gusta: bares, tascas, restaurantes, cines, teatros, librarías, museos, galerías, concertos, recitais, presentacións de libros e outro tipo de actos aos que asisto habitualmente. Teño a sorte de vivir na cidade que máis me gusta de todas as que coñezo, A Coruña, e nun dos seus barrios máis emblemáticos, Os Castros, do que me considero parte da súa paisaxe e paisanaxe.
Fixen todo o bacharelato, COU incluído, no Instituto de Monelos, e a carreira de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense, de Madrid, uns estudos que tiven que interromper na semana santa de 1982, aos 21 anos, cando estaba a punto de rematar sen problemas o cuarto dos cinco cursos que daquela conformaba o plan académico, debido ao desencadeamento dun brote psicótico, o primeiro e máis grave do meu historial, que me levou ao internamento nun manicomio durante períodos breves e intermitentes. Dende neno xa me chamaban “o tolo”; entre outras rarezas, porque ía a clase sen libro ningún e cun caderno de peto para tódalas materias. Sempre fun; primeiro, como estudante, e despois, como xornalista e profesor, un caso atípico, un home estraño, un tipo raro, pero nunca sospeitei que as miñas rarezas, máis que extravagancias, eran síntomas dunha enfermidade mental latente dende sempre, e que, sen motivo aparente, quizais a xenética, quizais o ambiente, se desencadeou con toda crueza naquela semana santa do 82 na que comprendín definitivamente que a loucura non era ningunha broma, non era creativa nin romántica nin marabillosa, senón unha patoloxía dolorosa e terrible que fai sufrir a quen a padece e ao seu entorno máis próximo. Todas as crises, as caídas, as recaídas, son dolorosas e difíciles de superar. Pero a primeira e a peor de todas. Porque non entendes o que che está a pasar, perdes toda esperanza e pensas que nunca volverás ser a persoa que fuches.
Tardei trinta e catro meses en saír do pozo, en volver ser, se non o mesmo, alguén semellante a quen antes era. Tardei trinta e catro meses en superar as dúas fases, a maníaca e a depresiva, do meu trastorno, a costas sempre comigo dende entón, que cada vez coñezo mellor, pero que inda agora, case corenta anos despois, xa ao bordo dos sesenta, sigo intentando descifrar na súa complexidade. Trinta e catro meses despois da miña primeira baixada aos infernos volvín a Madrid e acabei o último curso da carreira coas mellores notas do meu expediente. Foi este o primeiro capítulo da miña historia de superación, unha historia que quero contar neste proxecto, unha historia que me quero contar a min e que che quero contar a ti, porque creo que pode ser útil para os dous, que nos pode servir de aprendizaxe, como un canto á esperanza, non a esperanza vana de lograr o imposible, a imposible curación, senón de asimilar os conceptos aplicables á nosa condición: prevención, recuperación, normalización, integración, superación, entendidos todos eles como un proceso inacabable de aprendizaxe, porque / eu son coma ti, / tan san como enfermo, / se inda non o sabes / terás que aprendelo /, porque / eu son coma ti, / e somos o mesmo, / persoas no espazo / ao arbitro do tempo.