608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

O secuestro do “Santa María”  (Xan - Feb 1961)

Dende o DRIL e en colaboración con dous militares, o portugués Henrique Galvão e o galego José Fernández (Jorge de Sotomayor), Velo ( baixo o alcume de Carlos Junqueira de Ambía) organizou unha acción que xa tiña previamente deseñada: o secuestro dun barco para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar.

O 22 de xaneiro de 1961, 24 comandos do DRIL (12 portugueses e 12 españois) tomaron o “Santa María”, un transatlántico da Companhia Colonial de Navegação que facía a ruta dende o porto venezolano de La Guaira a Vigo e levaba a bordo 609 pasaxeiros de distintas nacionalidades, principalmente españois e portugueses.

Rebautizado polo DRIL como “Santa Liberdade”, o barco adentrouse no Atlántico con dous obxectivos: denunciar internacionalmente a pervivencia das ditaduras ibéricas e chegar até a illa de Fernando Póo co propósito de ir espallando dende alí focos revolucionarios nas colonias africanas. Case inmediatamente deberon renunciar a este segundo obxectivo pola morte accidental dun membro da tripulación durante a toma do barco.

O secuestro acaparou os titulares da prensa internacional, chegando a ser obxecto de atención na primeira rolda de prensa que deu John F. Kennedy como presidente. Toda a operación fora deseñada con moito coidado para que non poidese ser considerada un acto de piratería senón unha acción política, como así dictaminaron finalmente os propios asesores legais do Departamento de Defensa dos Estados Unidos.

O papel protagonista de Velo nesta operación quedou relativamente eclipsado pola figura de Galvão, que se presentou ante a opinión pública internacional como o principal ideólogo e organizador do DRIL.
O desenlace da acción produciuse cando Jânio Quadros tomou posesión como presidente do Brasil (o 31 de xaneiro) e ofreceu asilo político para os membros do DRIL. O barco atracou o 2 de febreiro, sendo aclamado por unha multitude no porto de Recife. Os pasaxeiros e tripulantes puideron desembarcar. Os secuestradores recibiron honras oficiais e foron acollidos como refuxiados políticos no país.

Xosé Velo Mosquera no 61 aniversario da toma do Santa María

MENÚ