608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

Carta a Jovita

É unha carta do 21-7-1961 de Velo á súa muller. Reproducimos literalmente a parte inicial.

Miña Churiña: Hoxe fai 25 anos que me levaron preso á Comandancia Militar. ¿Lémbraste? Vivíamos no chalet do Xavivas. Ti e a nai estábades no tanque. A nai lavando e ti gardando o neno. Eu non vos fun avisar, pra non disgustarvos. Eran moi difíciles e moi sangrentos aquiles momentos. Os asesinos aínda duran. ¡Qué tristura e qué vergoña!

Foi aquil día mesmo, baixando pola carretera nova entre catro esbirros, cando me topei de frente co fulano Parente, aquil débil mental que casara coa do Brasa. Iles subían de paseo, víronme preso, e non, somentes, non se dignaron mirar para o “irmán Velo”, senón que, cónstame que comentou: “Estalle ben por roxo”. Eran os “gloriosos galeguistas” que deixaron de selo no mesmo día 18 de xulio. Foi aquel día mesmo, cando o mentecato cabo “don” Manuel, me arreou unha chapada, porque me neguei a fornecerlle os arquivos de fichas das Mocedades. Foi aquel día mesmo, cando este bárbaro tricorniado, me dixo –no intre en que sorpresivamente se presentou na oficina da Comandancia, o tío Rodolfo- “Su vida no vale tres perras chicas. Agradezca la presencia de su tío y ser hijo de quien es”. Foi aquel día mesmo que eu lle retruquei: “Créollo ben, porque a vida dun home honesto nunca valeu nada, pois non se vendeu. Non embargantes a súa, ¡aínda que cara! xa vale 80 pesos ao mes”. Foi aquel día mesmo, cando a miña nai me pariu por segunda vez. Aínda me había de parir máis veces. ¡Cántos anos, cántas cousas e sempre na mesma! […]

MENÚ