608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

Guerra Civil e Posguerra (1936-1948)

O 21 de xullo, Velo foi detido e conducido á Comandancia Militar de Celanova, negándose a entregar os arquivos das fichas de militantes das Mocedades. Foi liberado pola intercesión dun tío seu. Comezou tamén neste tempo a dar aulas como mestre particular, o que acabou sendo o seu traballo habitual, até que foi recrutado e mobilizado en marzo do 37. Seica tentou fuxir ao bando republicano en dúas ocasións, librándose de novo de ser procesado grazas ás influencias familiares.

En 1942 morreu a súa nai e un ano despois, en vista das enormes dificultades que atopaba para desenvolver o seu traballo en Celanova, trasladouse a Vigo, onde abriu outra academia. Foi a máis tardar nesa época que entrou en contacto con sectores da resistencia antifranquista e da guerrilla. En 1944 é detido nunha gran redada.

En 1947, grazas a unha liberdade provisional e perante o perigo de ser novamente preso, foxe xunto co seu amigo Mariano Otero Castelao e agóchanse na aldea de Moreira, na casa dunhas amizades, preto de Celanova.

Ambos amigos pasaron clandestinamente a Portugal e foron acollidos por Luís López en Estoril. Velo foi detido pola PIDE. Coa axuda da organización humanitaria “Unitarian Service” e a intervención directa do presidente venezolano Rómulo Gallegos, a quen Velo coñecera anteriormente, consegue un pasaporte de emerxencia que lle permite saír do país en 1948.

XOSÉ VELO EN VIGO, A GUERRILLA ANTIFRANQUISTA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA | DOCUMENTAL

Carta a Jovita

É unha carta do 21-7-1961 de Velo á súa muller. Reproducimos literalmente a parte inicial.

Miña Churiña: Hoxe fai 25 anos que me levaron preso á Comandancia Militar. ¿Lémbraste? Vivíamos no chalet do Xavivas. Ti e a nai estábades no tanque. A nai lavando e ti gardando o neno. Eu non vos fun avisar, pra non disgustarvos. Eran moi difíciles e moi sangrentos aquiles momentos. Os asesinos aínda duran. ¡Qué tristura e qué vergoña!

Foi aquil día mesmo, baixando pola carretera nova entre catro esbirros, cando me topei de frente co fulano Parente, aquil débil mental que casara coa do Brasa. Iles subían de paseo, víronme preso, e non, somentes, non se dignaron mirar para o “irmán Velo”, senón que, cónstame que comentou: “Estalle ben por roxo”. Eran os “gloriosos galeguistas” que deixaron de selo no mesmo día 18 de xulio. Foi aquel día mesmo, cando o mentecato cabo “don” Manuel, me arreou unha chapada, porque me neguei a fornecerlle os arquivos de fichas das Mocedades. Foi aquel día mesmo, cando este bárbaro tricorniado, me dixo –no intre en que sorpresivamente se presentou na oficina da Comandancia, o tío Rodolfo- “Su vida no vale tres perras chicas. Agradezca la presencia de su tío y ser hijo de quien es”. Foi aquel día mesmo que eu lle retruquei: “Créollo ben, porque a vida dun home honesto nunca valeu nada, pois non se vendeu. Non embargantes a súa, ¡aínda que cara! xa vale 80 pesos ao mes”. Foi aquel día mesmo, cando a miña nai me pariu por segunda vez. Aínda me había de parir máis veces. ¡Cántos anos, cántas cousas e sempre na mesma! […]

MENÚ