608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

A República (1931-1936)

Xosé Velo Mosquera naceu en Celanova (Ourense) o 21 de abril de 1916. Foi o cuarto de cinco irmáns dunha familia abastada. O pai, Lino Velo, ocupou o cargo de alcalde da vila e deputado provincial e posuía unha pequena fábrica de chocolate e un comercio. Pola súa parte, a nai era filla do secretario do xulgado; ambos estaban vencellados ao partido conservador.

Xosé Velo viviu unha infancia con comodidades mais marcada pola diferenza de idade entre o pai, de 76 anos, e a nai, de 32. A morte do pai, en outubro de 1926, supuxo o final abrupto da infancia de Xosé Velo, que máis adiante se autodefiniría como un “mozo vello” nos seus textos.

Respecto aos estudos académicos, Xosé Velo estudou nos Escolapios, primeiro no mosteiro de Celanova e máis tarde en Monforte de Lemos. Tamén cursou estudos universitarios en Santiago pero sen chegar a obter título superior ningún.

No ano 1932 Xosé Velo participou na fundación das Mocedades Galeguistas de Celanova, un dos grupos máis activos da organización xuvenil do Partido Galeguista. Esta asociación acadou máis de 50 membros e creou o boletín “Adiante” do que só se conserva un número de 1933 e unha pintada na parede do Mosteiro de Celanova.

O éxito da corrente das Mocedades de Celanova chegou até a II Asamblea da Federación de Mocedades Galeguistas, na que Xosé Velo foi elexido Secretario Xeral, un feito no que influíu o seu talento como orador.

Xunto con Celso Emilio Ferreiro funda o “Cartafol de Poesía” e Velo comeza a publicar algúns poemas. En 1935 casa con Jovita Pérez, a filla dun taberneiro de Celanova, coa que terá tres fillos: Lino, Manuela e Víctor.

MENÚ