608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

Síntese Biográfica

Xosé Velo Mosquera naceu en Celanova o 21 de abril de 1916. Foi o cuarto dos cinco fillos dunha familia abastada: o pai —de 76 anos—, antigo alcalde e deputado provincial, era comerciante e tiña unha pequena fábrica de chocolate, e a nai —de 32— era filla do secretario do xulgado; tanto o pai como a familia da nai estaban vencellados ao partido conservador.A morte do pai, o 6 de outubro de 1926, non debeu de ser unha sorpresa para a maioría dos seus coñecidos. Porén, para Xosé Velo ese día rematou abruptamente a infancia, ou polo menos así o deixou escrito en varios textos. Como se lle caera enriba de repente a anomalía da súa data de nacemento, sentiuse entón un “mozo vello” e nunca máis deu atopado acordo co calendario.
Estudou nos escolapios, primeiro no mosteiro de Celanova (onde coincidiu con Celso Emilio Ferreiro, catro anos máis vello) e logo en Monforte de Lemos. Nesas aulas aprendeu, “a contragolpe” dos golpes que arreaban os frades, o contrario do que alí se transmitía. Pasou tamén pola Universidade de Santiago sen obter título superior ningún.
Estivo entre os fundadores, en 1932, das Mocedades Galeguistas de Celanova, un dos grupos máis activos da organización xuvenil do Partido Galeguista. Esta agrupación local chegou a ter máis de cincuenta afiliados, unha sección infantil (!) e un boletín propio, o semanario Adiante, do que só saíu un número en xaneiro do 33.
Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro lideraron dende Celanova a corrente “arredista” das Mocedades, caracterizada pola defensa da independencia e da lexitimidade do uso da violencia ofensiva e defensiva (fronte ás agresións da extrema dereita), así como polo compromiso coa emancipación dos labregos, todo formulado con gran radicalismo verbal. Esta corrente conseguiu impoñerse na II Asamblea da Federación de Mocedades Galeguistas (1935) e Xosé Velo foi elixido Secretario Xeral, suceso no que debeu de influír o seu grande talento natural como orador. Así o describe Celso Emilio: “Alto, fraco, de longo narís, Velo foi un orador nato da escola de Basilio Álvarez. Falaba con voz tronante pondo os brazos abertos coma un cristo labrego. As súas palabras, que lle abrollaban dun manantío profundo, eran convincentes e cheas de senso popular”.
Foi tamén neses anos da República que Velo comezou a escribir poesía de todo tipo, case sempre en galego mais tamén en castelán, chegando a publicar un poema titulado Alciprés na revista Nós. Coa idea de se daren a coñecer como poetas, Celso Emilio e mais el argallaron a dúo un procedimento orixinal de autoedición, case unha máquina poética de asalto. Na imprenta dun parente de Ferreiro fixeron imprimir a prezo de custo douscentos cartafoles co título Cartafol de poesía e os nomes dos dous autores. Mandáronllos logo por correo a un grupo escollido de destinatarios: xornalistas e intelectuais influíntes, amigos e familiares, coa indicación de gardaren o cartafol para coleccionar nel os poemas que irían recibindo periodicamente en follas soltas. Enviaron en total dezaseis poemas, oito de cada un, mais non se conserva a serie completa.
En outubro do 35 —con 19 anos—, Xosé Velo casou con Jovita Pérez González —de 20—, filla dun taberneiro de Celanova. No casamento (con Celso Emilio de testemuña) non faltou o requinte patriótico, e os noivos voltaron da lúa de mel cantando o himno galego. Meses despois naceu o primeiro fillo, Lino. Era xuño de 1936.
O 21 de xullo, Velo foi detido e conducido á Comandancia Militar de Celanova, negándose a entregar os arquivos das fichas de militantes das Mocedades. Foi liberado pola intercesión dun tío seu. Comezou tamén neste tempo a dar aulas como mestre particular —o que acabou sendo o seu traballo habitual— até que foi recrutado e mobilizado en marzo do 37. Seica tentou fuxir ao bando republicano en dúas ocasións, librándose de novo de ser procesado grazas ás influencias familiares. En 1938 voltou para Celanova ao ser dispensado do servizo por ter outros dous irmáns mobilizados, sendo el o único casado e cun fillo. Segundo o seu biógrafo, nese ano viaxou a Guinea tratando de evitar as presións políticas dos inminentes vencedores da guerra. A súa filla Manuela naceu en febreiro de 1939 e en novembro abriu na vila unha academia de comercio e oposicións.
En 1942 morreu a súa nai e un ano despois, en vista das enormes dificultades que atopaba para desenvolver o seu traballo en Celanova, trasladouse a Vigo, onde abriu outra academia en sociedade co seu curmán Cástor (irmán do director de cine Carlos Velo). Foi a máis tardar nesa época que entrou en contacto con sectores da resistencia antifranquista e da guerrilla.
En 1944 naceu o seu terceiro fillo, Victor, e fixo amizade cun curmán de Castelao, Mariano Otero Castelao, que estaba vencellado aos grupos da resistencia promovidos polo Partido Comunista. Debido ás súas actividades antifranquistas, ambos os dous foron detidos e encarcerados, primeiro en Vigo e logo na Coruña.
Co final da segunda guerra mundial, Velo saíu do cárcere en liberdade provisional. Despois dun período de semiliberdade, e perante o perigo de ser novamente encarcerado, fuxiu en 1947 con Mariano Otero cara a Celanova. Alí e na aldea próxima de Moreira estiveron ocultos durante varios meses en casas de amigos e familiares.
Pasaron logo clandestinamente a Portugal e foron acollidos por Luís López, un amigo da infancia de Velo que tiña un restaurante na parte de Estoril. Luís López levounos a Lisboa, onde se separaron. Velo acabou sendo detido pola PIDE (policía política salazarista) e encarcerado na prisión de Caxias. Coa axuda dunha organización humanitaria, o Unitarian Service, e grazas á intervención directa do presidente venezolano Rómulo Gallegos —a quen Velo coñecera nas estadas do venezolano en Bueu—, conseguiu un pasaporte de emerxencia e puido saír cara a Venezuela en outubro de 1948.
Seica o presidente chegou a ofrecerlle a Velo unha cátedra (!) na Universidade Central, mais o 24 de novembro Rómulo Gallegos foi deposto por un golpe militar e tivo que saír —el tamén— para o exilio. Velo seguiu no país, traballando como profesor en varias academias e colexios. A finais de 1949 a muller e os fillos trasladáronse a Venezuela.
Neses anos mantivo unha intensa actividade cultural e social, promovendo a unión dos distintos colectivos de emigrantes galegos. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e participou como delegado desa institución no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado no mes de xullo en Buenos Aires, onde tivo grande éxito como orador.
Coa caída do réxime de Pérez Giménez en Venezuela animouse a actividade política dos exiliados, e Velo, a través de artigos, emisións radiofónicas e mítins, converteuse nun importante axitador da loita antifranquista no exterior. Entrou tamén en contacto coa resistencia portuguesa liderada por Humberto Delgado (exiliado dende 1958 no Brasil) e foi fundador e director xeral do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), organización de exiliados españois e portugueses montada en Caracas entre 1959 e 1960, que pretendía dar resposta ao Pacto Ibérico entre Franco e Salazar.
En colaboración con dous militares: o portugués Henrique Galvão e o galego José Fernández (Jorge de Sotomayor), Velo (Carlos Junqueira de Ambía) organizou unha acción que xa tiña previamente deseñada e até bautizada como operación Compostela, aínda que finalmente se chamou operación Dulcinea.
O 22 de xaneiro de 1961, 24 comandos do DRIL (12 portugueses e 12 españois) secuestraron o “Santa Maria”, un transatlántico da Companhia Colonial de Navegação que facía a rota dende o porto venezolano de La Guaira a Vigo e levaba a bordo 609 pasaxeiros de distintas nacionalidades (a maioría españois e portugueses, aínda que tamén había un número importante de venezolanos, holandeses e estadounidenses). O secuestro do “Santa Maria” —rebautizado polo DRIL como Santa Liberdade— tiña dous obxectivos: denunciar internacionalmente a pervivencia das ditaduras ibéricas, e chegar até a illa de Fernando Póo (Guinea española) co propósito de ir espallando dende alí focos revolucionarios nas colonias africanas. Case inmediatamente deberon renunciar a este segundo obxectivo. En contra do que indicaba a información recabada nos preparativos do secuestro, no “Santa Maria” non había lanchas nin armas que permitisen o desembarco e o ataque á garnición de Fernando Póo. Como -a maiores- durante o asalto ao barco se producira un tiroteo no que morreu un tripulante e outro foi ferido de gravidade, decidiron —a proposta de Velo— desembarcalo na illa de Santa Lucía para que recibise asistencia médica, o que na práctica supoñía mudar o plano inicial concentrándose unicamente no primeiro obxectivo.
O secuestro acaparou os titulares da prensa internacional, chegando a ser obxecto de atención na primeira rolda de prensa que deu John F. Kennedy como presidente. Toda a operación fora deseñada con moito coidado para que non poidese ser considerada un acto de piratería senón unha acción política, como así dictaminaron finalmente os propios asesores legais do Departamento de Defensa dos Estados Unidos.
O desenlace produciuse cando Jânio Quadros tomou posesión como presidente do Brasil (o 31 de xaneiro) e ofreceu asilo político para os membros do DRIL. O barco atracou o 2 de febreiro aclamado por unha multitude no porto de Recife. Os pasaxeiros e tripulantes puideron desembarcar. Os secuestaradores recibiron honras oficiais e foron acollidos como refuxiados políticos no país.
Velo e o seu fillo Victor —que tamén participara na acción— pasaron uns días en Recife nun cuartel que lles foi ofrecido polo goberno. Despois dun tempo en Campinas, estabelecéronse en São Paulo, onde foron axudados por Miguel Urbano Rodrigues, xornalista portugués que foi o grande amigo de Velo nesa época. Acolleunos na súa casa e axudounos a refaceren a vida entanto o resto da familia seguía en Caracas.
En 1962 Jovita reuniuse con Velo —que xa levaba tempo dando aulas nunha academia—, mentres Victor retomaba os seus estudos na universidade paulista. Os outros dous irmáns ficaron en Venezuela, viaxando de cando en vez ao Brasil. Uns anos máis tarde —animado pola súa muller— Velo montou unha librería, Nós, no barrio de Paraíso, e tamén a editorial Galicia Ceibe, na que sacou unha tradución de Rosalía de Castro ao portugués, e coa que tiña a idea de publicar tamén a súa propia obra. Niso estaba cando unha doenza mal diagnosticada derivoulle nun cancro de pulmón.
Aínda tivo forzas para colaborar na resistencia contra a ditadura no Brasil, crear un xornal de barrio (Paraíso 7 días) e mesmo comezar o guión dun proxecto audiovisual para a Fundación Ford: ía ser unha serie documental sobre a historia da humanidade para un público infantil e xuvenil. Non puido voltar a Celanova. Morreu aos 55 anos en São Paulo e está enterrado baixo unha árbore do cemiterio de Gethsêmani.

Quen é Xosé Velo

Xosé Velo Mosquera nace en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935. Despois da guerra trasladouse a Vigo, onde o detiveron pola súa actividade antifranquista. En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido pola PIDE, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do trasatlántico Santa María, acción que pretendía denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría (Nós) e logo unha editorial (Galiza Ceibe), pouco antes de morrer, dun cancro de pulmón, aos 55 anos de idade.

MENÚ