608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

En 1985, Santiago Rey Fernández-Latorre propúxome trocar a Oficina Técnica de Bazán pola redacción de La Voz de Galicia para dedicarme so ao xornalismo, e aceptei. Foi un acerto. Juan Ramón Díaz, o director, tivo outro cando me dixo: “Vas facer cada día unha viñeta sobre o feito político máis importante na comunidade”. O éxito foi extraordinario. Ver en caricatura e en situacións cómicas aos protagonistas da política galega era tan novedoso, que divertía por igual a lectores e protagonistas das viñetas. Por iso, en 1986, celebrouse nos baixos de San Caetano unha exposición con cen orixinais e á inauguración asistiron líderes de todos os partidos.

Fun consciente de que na Voz estabamos a facer a historia gráfica da Autonomía Galega e, para que nada quedase por analizar, botei a vista atrás e ilustrei os feitos máis relevantes desde o comezo da primeira lexislatura, en Nadal de 1981. Parte desa historia quedou recollida nos álbumes Cofrades do Cristo da Autonomía (1988), 16 anos de Parlamento Galego (1998) e A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro (2009).

Recentemente doei ao Parlamento Galego case 2000 orixinais e hoxe presentamos esta mostra cunha escolma de 230, feita, naturalmente, cun criterio de cualidade dos debuxos; pero na que tamén recordamos os momentos da maior trancendencia e a políticos con gran protagonismo, que xa non están con nós. Poderiamos facer outras, con 230 orixinais diferentes e serían igualmente representativas; pero esta é a que prefero para poñer punto final a unha vida de caricaturista político, que empecei hai cincoenta anos.

Siro

MENÚ